En liberdade un celador acusado de violar dúas veces unha moza na unidade psiquiátrica dun hospital

O home teríase gañado a súa confianza e ofreceulle tabaco e cocaína
Hospital Ramón y Cajal. EP
photo_camera Hospital Ramón y Cajal. EP

A Policía Nacional arrestou un celador do Hospital Ramón y Cajal de Madrid por proporcionar cocaína e presuntamente violar dúas veces unha moza que estaba ingresada na unidade de psiquiatría, segundo informou a Europa Press unha portavoz da Xefatura Superior da Policía de Madrid. O home quedou en liberdade provisional, segundo indicaron a Efe fontes da defensa do investigado este mércores.

"O xuíz acordou a súa liberdade porque é necesario practicar novas dilixencias de investigación, entre elas, unha proba de ADN á que o investigado se prestou voluntariamente porque nada ten que ocultar", aseguran as mesmas fontes.

Os feitos presuntamente ocorreron nas noites do xoves 29 de abril e do sábado 1 de maio. O celador, de 37 anos, contratado temporalmente para vixiar a unidade de psiquiatría, gañouse a confianza desa interna de 18 anos, da que tiña xa o número do seu móbil. Falaba con ela e ofrecíalle primeiro tabaco e logo cocaína para despois abusar sexualmente dela. 

De feito, o sábado os enfermeiros atoparon un chisqueiro e restos dunha substancia branca na mesa de noite da interna, o que xerou fortes sospeitas, polo que lle preguntaron que pasara. Tras moitos rodeos, a moza contestou que o celador de noite lle había proporcionaba substancias estupefacientes e obrigouna a realizar actos de natureza sexual. 

O hospital Ramón y Cajal denunciou os feitos ante a Policía Nacional e os axentes da Unidade de Atención á Familia e Muller detiveron o presunto responsable este luns.