O Goberno recorrerá ao Constitucional a lei balear sobre os touros por invasión de competencias

O Parlamento autonómico aprobou este luns unha norma que prohibe a morte e o sufrimento de animais nos espectáculos taurinos
Plaza de toros de Palma de Mallorca
photo_camera Plaza de toros de Palma de Mallorca

O Goberno decidiu recorrer a Lei aprobada este luns polo Parlamento balear sobre espectáculos taurinos, e que prohibe a morte e o sufrimento do animal, e así llo comunicou ao executivo autonómico.

O secretario de Estado de Cultura, Fernando Benzo, reuniuse este martes 25 de xullo coa conselleira de Cultura de Baleares, Fanny Tur. No encontro, celebrado na secretaría de Estado, Benzo comunicoulle a decisión do Goberno de recorrer a norma balear ante o Tribunal Constitucional.

Segundo informa Cultura, Benzo trasladou á responsable Balear que o Goberno considera que esta norma, que regula as corridas de touros, vulnera a Constitución ao invadir competencias da Administración Xeral do Estado.

Así mesmo, recordou á conselleira que as Cortes Xerais aprobaron hai catro anos a Lei que regula a Tauromaquia como patrimonio cultural de todos os españois. Igualmente, trasladoulle que en outubro de 2016 o Constitucional confirmaba en sentenza que é competencia da Administración Xeral do Estado garantir a conservación e promoción da Tauromaquia como patrimonio cultural.

O Goberno adiantou este mesmo luns que a Avogacía do Estado estudaría se a norma autonómica invadía competencias do Estado e, de ser así, avanzou a súa vontade de recorrela.

Comentarios