O xuíz José Castro anunciará se imputa á Infanta

O xuíz José Castro, instrutor do "caso Nóos", anunciará a partir de hoxe se imputa á infanta Cristina na causa que investiga as presuntas actividades corruptas do seu marido, Iñaki Urdangarin, para que declare sobre a súa suposta participación en delitos fiscais e de branqueo.

Tras unha prolija investigación sobre a participación da filla menor do Rei na actividade de Aizoon, a sociedade que compartía co seu esposo e a través da que presuntamente se desviaron fondos captados de xeito fraudulento de institucións públicas, Castro pediu o pasado 9 de decembro ás partes que se pronunciasen sobre a imputación da duquesa de Palma.

Só o sindicato Mans Limpas, que exerce a acusación popular, se declarou favorable a que Castro chame a declarar a dona Cristina, mentres que a Fiscalía Anticorrupción, a Avogacía do Estado e as representacións procesuais de Iñaki Urdangarin, Diego Torres e a propia infanta se manifestaron contrarias á imputación.

A decisión darase a coñecer nos próximos días a través dun auto do xuíz instrutor que, con toda probabilidade, será recorrido ante a Audiencia de Palma sexa cal for a resolución que adopte.

De citala a declarar, será a segunda ocasión na que Castro impute duquesa de Palma tras facelo o 3 de abril do ano pasado.

Entón, a citación quedou en suspenso despois de que a Fiscalía Anticorrupción se opuxera nun recurso e a Audiencia de Palma a deixara sen efecto nun auto ditado en maio.

Nese mesmo auto, a Audiencia Provincial apuntou novas liñas de investigación para pescudar se a infanta Cristina puido incorrer en posibles delitos fiscais e de branqueo desde a empresa Aizoon, da que é propietaria ao 50 % xunto ao seu marido.

Sete meses de indagacións máis tarde, e tras distintos informes da Axencia Tributaria que non reflicten feitos presuntamente delituosos e varias análises policiais sobre os gastos privados do matrimonio Urdangarin-Borbón con fondos de Aizoon, corresponde ao xuíz adoptar unha determinación.

A Fiscalía Anticorrupción subliñou nun detallado escrito previo cuxos argumentos volveu reiterar despois de que Castro lle solicitara a súa opinión, que contra a filla do Rei só hai "conxecturas ou sospeitas".

O fiscal encargado do caso, Pedro Horrach, indicou no seu último escrito ao xuíz instrutor que da investigación levada a cabo sobre a infanta non se obtiveron "indicios incriminatorios dos que puidese derivarse a imputación".

Ademais, Horrach reprochou a Castro que ordenase dilixencias "irrelevantes desde o punto de vista penal" cuxa práctica só serviu para ocasionar "unha dilación non conveniente do procedemento".

Comentarios