O Orgullo toma Madrid

A manifestación do Orgullo Gai arrincou pasadas as 18.00 horas desde a madrileña Porta de Alcalá, onde se congregaron miles de persoas para reivindicar o matrimonio igualitario e mantemento dos dereitos dos que gozan na actualidade.

Convocada pola Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais (FELGTB) e o colectivo LGTB de Madrid, na manifestación participan máis de vinte carrozas, desenvólvese nun ambiente festivo baixo a lema Matrimonio igualitario. Igualdade sen recortes.

A marcha entre iguais non é tan diferente; Imos de cu, por fin con orgullo; Estado laico igualitario; Homofobia é machismo; son algunhas das pancartas que portan os asistentes. Tamén portan outras pancartas que fan alusión ao recurso de inconstitucionalidade que interpuxo o PP contra a lei aprobada polo anterior goberno socialista no 2005, xa que os populares están a favor das unións de feito entre homosexuais sempre que non se lles chame matrimonios.

A vicesecretaria xeral do PSOE, Elena Valenciano, os secretarios xerais de UXT e CC OO, Cándido Méndez e Ignacio Fernández Toxo, a portavoz de UPyD, Rosa Díez, encabezan a manifestación, que comezou na Porta de Alcalá, transcorrerá pola Gran Vía e concluirá na Praza de España. Tamén se atopan entre os asistentes, o secretario de Movementos Sociais do PSM, Pedro Zerolo, ou o portavoz socialista no Concello de Madrid, Jaime Lissavetzky.

A cor enmarca esta manifestación, que deu comezo co estrondo dunha gran traca, e na mesma pódense ver multitude de bandeiras do arcoiris e globos de cores.

O obxectivo desta manifestación é defender a igualdade legal como requisito indispensable na loita contra a fobia que se produce contra este colectivo, ademais de incidir en que hai dereitos que son irrenunciables: unha educación contra a discriminación e unha sanidade pública e de calidade.

Comentarios