O Parlamento valenciano pide o ''peche definitivo'' do almacén de gas

O pleno de les Corts Valencianes aprobou hoxe por unanimidade pedir ao Goberno "o peche definitivo e permanente" do almacén subterráneo de gas Castor, así como o seu posterior desmantelamento, ante a inseguridade que xera.

O acordo aprobado advirte que se se pon de novo en funcionamento a planta, pechada desde hai case un mes, non hai "ningunha certeza nin seguridade de que non se volvesen a reproducir terremotos nin se puidese garantir a seguridade cidadá".

Así mesmo, o pleno do Parlamento valenciano insta o Executivo autonómico a que, no caso de comprobarse "posibles neglixencias" na tramitación do proxecto, "se esixan e depuren todo tipo de responsabilidades".

Estas deberán elevarse, segundo o texto consensuado, "tanto á empresa concesionaria -Escal UGS, participada nun 66 por cento por ACS- como ás autoridades que participaron na resolución que autorizou o mesmo".

Este acordo unánime, asinado polos portavoces do PP, PSPV, Compromís e Esquerra Unida, será remitido proximamente tanto ao Congreso dos Deputados como ao Senado.

A actividade de Castor, situado a uns vinte quilómetros fronte ás costas castellonencas de Vinaròs, atópase paralizada desde o pasado 26 de setembro polo Ministerio de Industria ata que se corrobore que a inxección de gas no almacenamento está relaciona cos centos de pequenos sismos rexistrados na zona.

A Fiscalía de Castelló mantén aberta unha investigación para esclarecer a posible responsabilidade penal da empresa da planta neses sismos, que incluíu desde a personación da Garda Civil nas instalacións ata o requirimento dunha copia do documento do proxecto na sede do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

O proxecto Castor trata de aproveitar un antigo pozo petrolífero a 1.750 metros de profundidade baixo o nivel do mar, situado fronte ás costas de Vinaròs, para almacenar ata un terzo da demanda de gas do sistema durante 50 días.

Desde Escal UGS defendeuse no último mes que toda a construción e a operación do almacén se fixo de acordo coas normativas máis esixentes, e recoñeceuse a posible relación entre a actividade da planta e os terremotos máis leves, aqueles por baixo dos tres graos na escala de Richter.

Colectivos veciñais das zonas afectadas polos sismos, tanto do norte de Castelló como do sur de Tarragona, manifestáronse nas últimas semanas en contra da actividade da planta e esixiron que non se volva a reabrir.

Comentarios