O PSOE pide exhumar os restos de Franco

O PSOE rexistrou hoxe no Congreso dos Deputados unha proposición non de lei que reclama exhumar os restos de Francisco Franco do Val dos Caídos e entregalos á súa familia ou trasladalos "ao lugar que resulte máis adecuado".

A iniciativa, asinada polo deputado Odón Elorza, solicita tamén recolocar os restos de José Antonio Primo de Rivera para pór "fin á xerarquía funeraria" sobre os restos das 35.000 vítimas que alí repousan, de modo que non ocupe "un sitio preeminente na basílica no que destaque sobre as demais vítimas".

Para o deputado socialista, chegou o momento "por dignidade democrática" de que o conxunto do Val dos Caídos sexa "resignificado" para dar cumprimento non só ao espírito da Lei de Memoria Histórica senón tamén ao contido da norma e ás recomendacións do informe de expertos.

"É hora de que o Val dos Caídos, un antigo símbolo da represión do nacional-catolicismo, se converta nun espazo de dignificación, honra e homenaxe a todas as vítimas dos dous bandos da Guerra Civil e da represión da ditadura", reza a iniciativa.

Elorza considera que Franco, "máximo expoñente dun réxime totalitario contrario á liberdade e á dignidade de toda a cidadanía" non pode presidir un conxunto monumental que debe servir para homenaxear a memoria de todas as vítimas da Guerra Civil e da ditadura posterior.

"É máis, resulta imprescindible pór fin á actual xerarquía funeraria que ofrece a basílica do Val dos Caídos porque constitúe unha ofensa e creba o principio de igualdade de tratamento debido aos restos de todas as persoas que alí repousan", denuncia.

Todo o plan de accións sobre a basílica debe desenvolverse, segundo Elorza, no marco do informe dos expertos entregado o 22 de novembro de 2011 e realizado por encargo do Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero.

Na súa opinión, é certo que a crise reduce os recursos da Administración, pero ao seu xuízo existen "decisións simbólicas de execución sinxela" que levan un gasto "moi asumible" e que desde hai anos esperan un consenso parlamentario, como é o caso dos enterramentos de Franco e Primo de Rivera no Val dos Caídos, "unha materia pendente desde a transición".

Comentarios