O PSOE ve pouco creible a proposta de Podemos

A secretaria de Estudos e Programas do partido asegura que Pedro Sánchez non iniciou as negociacións formais para formar goberno e que o fará cando reciba o encargo do Rei

A secretaria de Estudos e Programas do PSOE, Meritxell Batet, asegurou este domingo que o líder do partido, Pedro Sánchez, iniciará as negociacións formais para formar goberno cando reciba o mandato do Rei, e cualificou de "táctica" e pouco crible a oferta de pacto exposta por Podemos.

Nunha entrevista en RAC1, Batet explicou que en democracia "as formas e os tempos son importantes", polo que Sánchez non empezou aínda a falar cos grupos de xeito formal para chegar a un acordo de investidura.

Asegurou que agora é o presidente do goberno en funcións, Mariano Rajoy, o que ten que asumir as súas responsabilidades pero que se finalmente o Rei encarga formar goberno ao PSOE, "Pedro Sánchez non xogará coas institucións do país e non declinará esta responsabilidade".

"Por descontado que queremos gobernar e liderar o cambio que necesita o país, pero non queremos gobernar a calquera prezo nin de calquera xeito", subliñou Batet.

Sobre a oferta do líder de Podemos, Pablo Iglesias, de formar un goberno progresista xunto a PSOE e Esquerda Unida, con el como vicepresidente e Sánchez como presidente, Batet dixo que é unha proposta "moi sui generis", xa que facelo "a través da televisión, sen falar previamente cos partidos e repartíndose cargos, non é o máis elegante nin o mellor xeito de demostrar que realmente se quere negociar seriamente un acordo".

"Non é o xeito máis adecuado para iniciar unha negociación e non é crible. Ninguén pode pensar que aquela oferta fose real", remarcou Batet, que celebrou, no entanto, que Pablo Iglesias retire as "liñas vermellas" para negociar.

A deputada catalá, que ocupou o segundo posto na lista do PSOE por Madrid, comentou que no partido quen decide a política de pactos é o secretario xeral, aínda que esta decisión "nunca é individual".

"Somos un partido que ten moitos activos, que ten xente tan fundamental como Felipe González, presidentes autonómicos, moitos cargos e moitos valores, e todos han de estar involucrados na decisión", remarcou.

Detallou, neste sentido, que Sánchez "fala constantemente" con Felipe González, que é "unha figura que se ten moi en conta", e resaltou a importancia de que o PSOE "estea unido e traballe na mesma dirección".

Comentarios