España supera as 80.000 mortes desde o inicio da pandemia

Sanidade suma outros 4.984 positivos por covid e rebaixa lixeiramente a taxa de incidencia a 118 casos por cada 100.000 habitantes
Cribado en A Coruña. CABALAR
photo_camera Sanitarias preparadas para un cribado. CABALAR

As comunidades autónomas notificaron ao Ministerio de Sanidade 4.984 novos casos de covid-19 nunha xornada, 2.346 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Estas cifras son similares ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 5.007 positivos. 

Así as cousas, a actualización diaria dos datos revela que a cifra total de contaxios rexistrados en España desde o inicio da pandemia elévase a 3.687.762 e que o número oficial de mortes —o de persoas falecidas cunha proba positiva de coronavirus— supera a barreira das 80.000. Son exactamente 80.049, tras sumarse outros 66 decesos.

A incidencia acumulada nos últimos 14 días prolonga o seu lento descenso, ata 118 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 120 deste martes. Nas pasadas dúas semanas rexistrouse un total de 56.249 positivos. 

Cinco comunidades seguen en risco alto, cunha incidencia de entre 150 e 250. Son Andalucía (177), Aragón (156,2), Madrid (165,4), País Vasco (198,7) e La Rioja (186,16), ademais da cidade autónoma de Melilla (181,4). Mentres, a taxa de Galicia é de 66,6, só por enriba da de Balears, Comunitat Valenciana e Ceuta.

Actualmente hai 4.471 pacientes ingresados con covid-19 en toda España —o martes eran 4.655—, dos que 1.236 están na Uci —fronte aos 1.285 do anterior balance—. As camas ocupadas por persoas con coronavirus son un 3,60% do total, taxa que se eleva a un 12,85% na Uci a pesar de descender con respecto ao martes. Só Madrid segue con alta ocupación (dun 26,8%), tras a mellora de La Rioja. 

Comentarios