O expresidente da Comunidade de Madrid Ángel Garrido pásase a Ciudadanos

"É a única opción de seguir loitando polo que creo", asegura o exdirixente do PP ►Pablo Casado é o primeiro sorprendido por esta fichaxe

Ángel Garrido e Ignacio Aguado. EFE
photo_camera Ángel Garrido e Ignacio Aguado. EFE

O expresidente da Comunidade de Madrid Ángel Garrido (PP) pásase a Ciudadanos, segundo informaron fontes da formación laranxa. Cs convocou inicialmente unha rolda de prensa co secretario xeral do partido, José Manuel Villegas, para facer o anuncio desta fichaxe, pero finalmente foi o líder en Madrid e candidato á Comunidade, Ignacio Aguado, o que deu as explicacións. Na rolda de prensa, apareceu co expopular, que será o número 13 do seu partido á Asemblea de Madrid.

Ángel Garrido asegurou na comparecencia que o seu paso á formación laranxa é a "única opción" de seguir "loitando" polo que cre.  Así, indicou que se apunta ao equipo de Ignacio Aguado porque é o partido que "mellor representa os valores do centro liberal".  En Bruxelas, dixo, "seguro tería un futuro máis cómodo no persoal", pero isto é "por razón de principios", engadiu, en referencia á súa candidatura nas listas europeas, onde ía de 'número 4' co Partido Popular. 

Aguado defende que Garrido achegará "experiencia e moderación" e que é o interlocutor "máis fiable" 

Garrido deixou a Presidencia o pasado 11 de abril para poder ir nas listas do PP ao Parlamento Europeo, no número 4, un paso que daba despois de que o PP decidise que non fose o candidato á Comunidade de Madrid. Segundo sinalou en varias ocasións, a Garrido non lle sentou do todo ben nun principio a decisión tomada polo presidente do PP, Pablo Casado.  "A todos cando nos din algo que non é o que esperamos un ten un minuto malo, e eu tíveno", admitiu nunha entrevista. 

Aguado defendeu que o expresidente da Comunidade de Madrid achegará á partido "experiencia e moderación" á vez que asegurou que é o interlocutor "máis fiable".

CASADO, SORPRENDIDO. O líder do PP e candidato á presidencia do Goberno, Pablo Casado, decatouse de xeito sorpresivo da fichaxe cando se atopaba participando nun mitin en Sevilla. A noticia colleuno por sorpresa, a el e ao resto da cúpula do partido. Fontes populares indicaron que Garrido estivo este mesmo martes na sede nacional do PP en Xénova e que o luns asinou a documentación para ir como número 4 na lista dos populares ao Parlamento Europeo. 

Comentarios