Feijóo apoia a manifestación de Colón contra os indultos pero non irá ao estar de viaxe

O presidente da Xunta defende que hai "poderosas razóns" para saír ese día á rúa
Comparecencia de Feijóo. XOÁN REY
photo_camera Feijóo, tras o Consello da Xunta. XOÁN REI

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou este mércores de que non acudirá á manifestación convocada o próximo 13 de xuño na madrileña praza de Colón contra os indultos do procés, pero expresou que está de acordo co motivo da mesma e coa xente que acuda.

Na rolda de prensa tras o Consello da Xunta, dixo sobre esta protesta, que volverá xuntar nas rúas ao PP e a Vox, que "hai razóns poderosas para manifestarse por parte de calquera cidadán" en contra destes indultos porque son "unha equivocación nestas condicións e neste momento".

Núñez Feijóo volveu a mostrar así o seu rexeitamento á intención do Goberno de indultar "a políticos que cometeron delitos e que, ademais, o seu proxecto político é seguir cometéndoos" polo que "entende perfectamente" ás persoas de calquera "comunidade" e independentemente "da súa posición ideolóxica" que quere expresar o seu rexeitamento.

Apostilou que é unha desas persoas que "non é partidaria" de indultar neste momento aos líderes políticos do procés e que estamos nunha sociedade democrática que pode expresar democraticamente a súa opinión "nas rúas".

"Sobre a presenza ou non presenza do presidente da Xunta nesa manifestación, ou como se lle queira chamar, non creo que me sexa posible asistir porque sairei de viaxe ese mesmo domingo á primeira hora" polo que non será "compatible" acudir á manifestación coa súa axenda institucional.

Pero insistiu en que entende "perfectamente esa manifestación" e a posición "de millóns de cidadáns que, vaian ou non vaian", non están de acordo esta decisión do Goberno central, que "se precipita" e que "non é proporcional" á situación actual.

E concluíu que a axenda do presidente dunha comunidade está por encima de calquera outra "tanto orgánica como individual" porque a institucional é a axenda "prioritaria de calquera político responsable e eu intento selo", apostilou.

Comentarios