O fiscal pide impor a José Luís Moreno unha fianza de tres millóns

O produtor comparece este xoves na Audiencia Nacional
José Luis Moreno. JUANJO MARTÍN
photo_camera José Luís Moreno. JUANJO MARTÍN

A Fiscalía da Audiencia Nacional pediu deixar en liberdade baixo fianza de 3 millóns de euros ao empresario e produtor de televisión José Luís Moreno, detido o martes na operación Titella, por delitos de estafa, branqueo, organización criminal e alzamento de bens, segundo informaron a Efe fontes xurídicas.

O fiscal fixo esta petición ao titular do Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional, Ismael Moreno, ante o que este xoves compareceron o produtor e outros tres detidos nesta operación, entre eles a administradora de varias das sociedades investigadas nesta trama, Marta Dillet Gran, e para os que tamén pediu fianzas de menor contía.

A operación Titella, "marioneta" en catalán e desenvolvida en diversas provincias, supuxo o desmantelamento dunha suposta rede internacional de estafadores que contaba con máis de 700 sociedades coas que supostamente defraudaron máis de 50 millóns de euros.

Segundo adiantou El Confidencial, a investigación sobre este armazón arrincou en setembro de 2018 por mor dunha denuncia de Abanca por unha estafa de 1.396.000 euros. Os axentes da Garda Civil e a Policía Nacional comprobaron nese momento que a rede tamén subtraera diñeiro a Bankia, Bankinter, ING e Liberbank, elevando a cantidade defraudada a seis millóns de euros.

Comentarios