Forges e Xavier Sardá, entre os membros da plataforma de apoio a Pedro Sánchez

Uns 200 representantes da cultura impulsan o candidato do PSOE a presidir o Goberno

Uns 200 representantes da cultura, a arte, a educación e o xornalismo, entre eles o humorista con raíces fonsagradinas Forges, Xavier Sardá, Gerardo Herrero e Guillermo Solana, escenificaron, cun acto en Madrid, o seu apoio ao candidato do PSOE a presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Ademais, subscribiron un manifesto, 'Nos une Pedro', que forma parte da nova web co mesmo nome habilitada para captar novas adhesións ao longo das próximas semanas.

No acto, amenizado por Alejo Esquivel, a voz de Tequila, atopábanse directores de cine como Gerardo Herrero e Santiago Zannou, o tamén cineasta e produtor José Nolla, actores como Beatriz Carvajal, Berta Ojea e Álvaro de Luna, o director do museo Thyssen Guillermo Solana, así como músicos como Rosa León e Paco Clavel, produtores teatrais, profesores universitarios, catedráticos e escritores como Fernando Delgado.

No manifesto, que foi lido pola profesora Pilar Garrido, dan o seu apoio a Pedro Sánchez e ao PSOE para que a partir do 20 de decembro "dean un xiro ás políticas deste país" e "axuden a reconstruír España sobre as bases de maior xustiza social, liberdade e igualdade".

Comentarios