Gallardón esquiva con Cataluña o escollo do aborto

O ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, asegurou que neste momento o que ''oocupa" é "o desafío soberanista" anunciado polo Goberno de Cataluña.

Á entrada dun almorzo informativo organizado por Europa Press e no que pronunciará unha conferencia o titular de Exteriores, José Manuel García Margallo, Gallardón evitou responder a pregunta sobre se o Goberno está a exporse a retirada da reforma da lei do aborto e asegurou que os seus esforzos se centran en Cataluña.

"Estamos nunha semana decisiva", asegurou o ministro de Xustiza para o desafío soberanista.

Por iso, considerou que a súa obrigación "é centrar todos os seus esforzos" en traballar con todas as institucións que dependen do Ministerio de Xustiza e de forma moi especial a avogacía do Estado, xa que previsiblemente será necesario a interposición dun ou máis recursos ante o Tribunal Constitucional.

Insistiu en que nesa tarefa atópase traballando esta semana, xa que "previsiblemente isto terminará a semana que vén".

Así, no medio da maraña de voces -cada vez máis nítidas e altas- que aseguran que o ministro foi abandonado tanto polo presidente, Mariano Rajoy, como polo resto dos seus compañeiros no equipo de Goberno e que podería presentar a súa renuncia se finalmente se abandona a reforma, Ruiz-Gallardón gaña tempo comprometéndose cos medios de comunicación a falar a próxima semana sobre o tema.

Comentarios