Ignacio Aguado deixa a política pero segue militando en Ciudadanos

"Foi un orgullo liderar Cs en Madrid e compartir proxecto con tantas persoas excepcionais", asegura o exvicepresidente da comunidade na súa despedida
El portavoz de Ciudadanos en la Asamblea de Madrid, Ignacio Aguado, durante la rueda de prensa posterior a la reunión del Comité Autonómico de Madrid. SANTI DONAIRE (EFE)
photo_camera Ignacio Aguado. ARQUIVO

O que foi vicepresidente de Madrid no goberno de coalición co PP, Ignacio Aguado, presentou a súa renuncia na executiva permanente de Ciudadanos, na que entrou o pasado 15 de marzo. Con todo, continuará sendo militante do partido, segundo confirmaron a Efe fontes da formación. A vicealcaldesa de Madrid, Begoña Villacís, relevarao á fronte da formación na comunidade. 

A través da súa conta de Twitter, Aguado, que volverá ao sector privado, comunicou a súa decisión de poñer fin á súa etapa política "logo de seis anos dedicados a servir aos madrileños". Subliña que foi "un orgullo liderar Cs en Madrid e compartir proxecto con tantas persoas excepcionais". 

Desde o partido aseguraron a Europa Press que se trata dunha "decisión persoal" de Aguado, que xa informara a dirección previamente. 

Aguado non repetiu como candidato nas eleccións madrileñas do 4 de maio e no seu lugar encabezou a lista de Ciudadanos Edmundo Bal, a quen o partido consideraba con máis posibilidades de manter a presenza laranxa na Asemblea rexional. Non o conseguiu e Cs perdeu os 26 deputados que obtivera en 2019. 

Xunto a outros membros da dirección, Aguado estaba traballando actualmente na preparación da convención de xullo para relanzar o proxecto laranxa baixo a lema "Alternativa liberal", despois de que as sucesivas derrotas electorais deixasen moi tocada a formación. 

O exvicepresidente madrileño, licenciado en Dereito e Dirección de Empresas e en Ciencias Políticas e da Administración, involucrouse en Ciudadanos en 2013, cando deixou o seu traballo en Unión Fenosa para afiliarse á formación de Albert Rivera. Un ano despois foi elixido portavoz do partido na Comunidad de Madrid. 

O comité permanente elixirá o novo coordinador de Cs en Madrid, pero o posto que Aguado ocupaba na executiva non ten por que ser cuberto, xa que este órgano non conta cun número determinado de membros.

Comentarios