domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

A incidencia do coronavirus en España achégase ao nivel de risco medio

Mascarillas preparadas para reutilizar se secan en una terraza en Palas de Rei. ELISEO TRIGO
Máscaras nun tendal. ELISEO TRIGO
Só Galicia, Ceuta e Melilla continúan en niveis da chamada nova normalidade, por baixo dos 25 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días

A incidencia do coronavirus en España aumentou en 24 horas en 3,3 puntos, ata 49,3 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días, tras unha repunta dos positivos na maioría das comunidades. Así as cousas, roza de novo o nivel de risco medio, o que corresponde cando a taxa se move entre os 50 e os 150 casos.

Atendendo aos datos do Ministerio de Sanidade, reportáronse nunha xornada 2.532 novos contaxios —779 máis que no balance anterior—, co que España chega a 5.006.675 infectados desde o inicio da pandemia. No último día notificáronse 51 mortes, unha menos que este martes.

A transmisión aumentou en todas as comunidades, excepto en Castilla-La Mancha (cunha incidencia de 37,4) e Extremadura (32,2). Castilla y León (52,5), a Comunidad de Madrid (53,2) e a Comunitat Valenciana (53,1) son os territorios que pasan agora de risco baixo (por baixo dos 50) a medio, tras subidas de entre tres e catro puntos no último día. Seguen na chamada nova normalidade só Galicia (16,5), Ceuta (17,8) e Melilla (20,6).

A incidencia a sete días —o indicador que permite predicir a evolución da incidencia a máis curto prazo— mantense igual, é dicir, en 23,9 casos por cada 100.000 habitantes.

A presión sobre as unidades de coidados intensivos baixou moi lixeiramente, do 4,76% ao 4,62%, con 182 pacientes ingresados. O total de hospitalizados, tanto en Uci como en planta, é de 1.702.

POR GRUPOS DE IDADE. Aumenta a incidencia entre os menores de 11 anos, os non vacinados, ata 61,9 casos por cada 100.000 nenos nos últimos 14 días.

Tanto na franxa de 30 a 39 anos como na de 40 a 49 a incidencia é de 54 casos, mentres que no resto de idades atópase en 45, excepto no tramo de 60 a 69 anos, que é de 47,5.

A incidencia do coronavirus en España achégase ao nivel de risco medio
comentarios
ç