Juana Rivas enfróntase este mércores a cinco anos de cárcere por subtraer aos seus fillos

A nai de Macarena enfróntase a unha petición da Fiscalía de cinco anos de prisión por dous delitos de subtracción de menores ao permanecer un mes desaparecida cos seus fillos

Juana Rivas. PEPE TORRES
photo_camera Juana Rivas. PEPE TORRES

O Xulgado do Penal 1 de Granada celebra este mércores, tras un adiamento pola renuncia do seu letrado, o xuízo contra Juana Rivas, que se enfronta a unha petición da Fiscalía de cinco anos de prisión por dous delitos de subtracción de menores ao permanecer un mes desaparecida cos seus fillos.

Fontes xudiciais confirmaron a Efe que o xulgado penal celebrará este mércores o xuízo contra esta veciña de Maracena acusada de dous delitos de subtracción de menores tras permanecer case un mes en paradoiro descoñecido cos seus dous fillos menores o verán pasado.

O xuízo estaba fixado para o pasado 14 de xuño, data na que Rivas se presentou na sede xudicial co letrado Juan de Dios Ramírez, que renunciou a representala e forzou así a suspensión da vista en contra do criterio do xuíz, Manuel Píñar.

O titular do Penal 1 desestimou os argumentos de Ramírez para aceptar a súa renuncia a defender a Juana Rivas, pero tivo que suspender o xuízo porque o letrado abandonou a sala, feitos que o xuíz trasladou ao Xulgado de Garda, o Colexio de Avogados de Sevilla e á Fiscalía.

En concreto, Ramírez trasladou ao xuíz que, desde había cinco meses, non participara das actuacións, que non tivera tempo de preparar a vista e que, ademais, a acusada confiaba a súa defensa ao avogado José Estanislao López, que non puido acudir á vista para asistila por atoparse de baixa médica.

Tras darlle o xuíz un prazo de tres días para que designase a un avogado da súa confianza, Rivas presentou a designación como letrado de José Estanislao López, o mesmo que quería que a asistira no xuízo e que non puido acompañala por enfermidade, pero tamén do avogado Juan Manuel Pérez, do mesmo despacho daquel, por se o seu estado de saúde lle impedía novamente defendela.

Rivas está acusada de permanecer no verán de 2017 un mes en paradoiro descoñecido xunto aos seus dous fillos para non entregalos ao pai, o italiano Francesco Arcuri, aínda que ela mantén que non cometeu delito ningún, polo que se considera exenta de responsabilidade.

A muller xustificou en reiteradas manifestacións públicas e xudiciais que intentou actuar para protexer aos seus dous fillos fronte a Arcuri, que foi condenado en 2009 por lesionala e ao que denunciou novamente por malos tratos en xullo de 2016, denuncia pendente de resolverse pola xustiza italiana, que segue ademais outro procedemento civil pola custodia dos menores.

Comentarios