Un equipo de científicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO) localizou os dous focos da erupción submarina da illa de El Hierro e achou un novo edificio volcánico de 100 metros de altura, cun diámetro na base de 700 metros e un cráter duns 120 metros de anchura.
Os investigadores realizaron o achado durante a misión científica que desenvolven desde o luns en El Hierro o buque oceanográfico Ramón Margalef, que tamén localizou as columnas de gases e fluídos que emite o volcán submarino así como outros puntos de emisión, informou o Ministerio de Ciencia e Innovación.
Os investigadores destacaron que é o primeiro achado que se consegue nestas condicións en todo o mundo, xa que se investigou o volcán e as actividades volcánicas asociadas no momento óptimo da súa actividade eruptiva sobre o fondo.
Esta temperá localización e caracterización do fenómeno volcánico permitirá estudar a evolución temporal destes fenómenos e facilitará a interpretación e coñecemento do fenómeno volcánico nas illas, afirmou o Ministerio.