Os ecoloxistas opóñense á reforma da Lei de Augas

Os principais grupos ecoloxistas con representación no Consello Asesor de Medio Ambiente rexeitan a modificación da Lei de Augas aprobada no último Consello de Ministros ao considerar que é anticonstitucional, rompe a unidade de conca e presenta graves irregularidades formais.

Por iso, WWF, SEO/BirdLife, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e Amigos da Terra, esixen a retirada do real decreto e un debate público sobre a política de augas deste país, informan nun comunicado.

Neste real decreto, o Goberno reforma o texto refundido da Lei de Augas para que as comunidades autónomas poidan asumir competencias en materia de policía de dominio público hidráulico, nun principio, de aplicación para Cataluña, Aragón e Andalucía ao telo previsto nos seus estatutos.

Unha reforma, insisten os ecoloxistas, que tiña que ser debatida preceptivamente no Consello Nacional da auga e no Consello Asesor de Medio Ambiente. "Esta modificación supón -aseguran- ceder ás comunidades autónomas as competencias de control e vixilancia que, ata agora, nas concas intercomunitarias, corresponden ás Confederacións Hidrográficas do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño (MARM).

A ONG tamén critican a precipitación coa que se levou a cabo esta modificación, empregando un mecanismo, o real decreto lexislativo, que a Constitución só reserva para asuntos "de extraordinaria e urxente necesidade".

Tendo en conta que as Cortes teñen que referendalo nun prazo inferior a 30 días, os ecoloxistas teñen previsto solicitar aos grupos parlamentarios que se opoñan a esta modificación e que defendan a competencia exclusiva da Administración Xeral do Estado na policía do dominio público hidráulico nas concas intercomunitarias.

Comentarios