Os populares gañan en Castela-A Mancha, Castela-León, Madrid, Aragón, Valencia e Baleares

O PSOE sufriu onte unha derrota histórica nas eleccións autonómicas, coa perda do poder en case todas as comunidades nas que se celebraban eleccións. O PP, gran triunfador, gañou en dez delas –oito por maioría absoluta–, e arrebatoulle ao PSOE un dos seus feudos tradicionais, Castela-A Mancha. Noutro, como é Estremadura, quedou a un escano de poder gobernar.

A outra gran sorpresa da xornada deuse en Asturias, onde o ex popular Francisco Alvarez Cascos situou ao FAC como a primeira forza política. A esta novidade únese a irrupción de Bildu no Parlamento navarro con 7 escanos, a entrada de UPyD no madrileño e a subida de IU, que se estrea en Estremadura e Castela León e aumenta a súa representación en Aragón e Madrid.

Pero o gran triunfador foi o PP, que mellorou os resultados en todas as comunidades que gobernaba –Madrid, Castela e León, Valencia, Murcia e A Rioxa– e gañou en Castela-A Mancha, Cantabria e Baleares, onde non terá problemas en mandar, e en Aragón e Estremadura, cuxo control podería salvar a PSOE en función dos posibles pactos.


Cospedal, Aguirre e Camps

Madrid, Castela-A Mancha e a Comunidade Valenciana supuxeron tres das vitorias populares máis significativas. Esperanza Aguirre perdeu votos –o 1,61% menos–, pero gañou 5 escanos e alcanzou os 72. No entanto, Tomás Gómez obtivo o peor resultado dos socialistas na comunidade ao perder 246.000 sufraxios e ficar con 36 deputados. IU, con 13, e UPyD, con 8, as sorpresas.

Como se prevía, María Dolores de Cospedal puido con José María Barreda por 25 a 24 e o PP gobernará en Castela-A Mancha por primeira vez na democracia.

Tamén saiu vencedor Francisco Camps, a quen non lle pasou factura o caso Gürtel e aumentou un escano, pese a perder votos. Ademais, o PP gobernará en Ceuta e Melilla.
En Navarra, UPN sigue como forza máis votada, pero todo queda aberto a futuros pactos.

Comentarios