Os taxistas de Barcelona e Madrid volven protestar contra a aplicación Uber

Os taxistas de Barcelona e Madrid volveron a protestar hoxe nas súas cidades contra a aplicación Uber que permite contratar un transporte entre particulares, á vez que a ministra de Fomento, Ana Pastor, recordou que calquera empresa que queira entrar no sector debe cumprir as regras.

Uns 2.000 taxistas barceloneses, aos que se uniron outros provenientes doutras cidades españolas como Valencia, manifestáronse sen incidentes con motivo da folga de 24 horas que promoveu a nova plataforma do sector Elite e que en Barcelona tivo un seguimento masivo. Percorreron o centro de Barcelona, desde a Praza de Catalunya ata a sede da Delegación do Goberno, onde o seu portavoz, Juan Cesmas, fixo entrega dun documento no que os taxistas expoñen os prexuízos que lles provocan Uber e outras aplicacións.

Os taxistas acusan a Uber de competencia desleal e de operar na denominada "economía mergullada", ademais de non pagar impostos e contar con menos obrigacións que eles a pesar de estar a ofrecer un mesmo servizo.

En Madrid, ao redor dun milleiro de taxistas, uns 4.000 segundo os convocantes e 400 segundo a Policía, manifestáronse sen incidentes polo paseo da Castellana para esixir ao Goberno que non conceda a autorización a Uber para seguir coa súa actividade. Aos profesionais madrileños uníronselles taxistas de Barcelona, Bilbao, Valencia, Sevilla, Málaga e Valladolid.

Na sede do Ministerio de Fomento os convocantes entregaron un manifesto no que demandan "un posicionamento taxativo e contundente fronte a estas prácticas que só buscan economía mergullada, fraude e ilegalidade". Ademais, denuncian "unha pasividade moi preocupante á hora de afrontar este grave problema", polo que o presidente da Federación Profesional do Taxi, Julio Sanz, advertiu de que "non coñecen a este sector defendendo polas malas os seus postos de traballo".

A Asociación Gremial de Auto-Taxi de Madrid, maioritaria, non se uniu á protesta de hoxe, a diferenza da do pasado 11 de xuño, que foi unitaria, á espera das negociacións anunciadas por Fomento.

Desde Uber cualificaron de ''irónica" a protesta de Barcelona, porque demostra que a súa aplicación gusta á xente, e prometeron manter á cidade "en movemento".

Comentarios