Morre atropelado un lince ibérico en Cidade Real

Con este son 14 os exemplares mortos en Catilla A Mancha desde 2014, a metade deles arroiados na estrada
Lince ibérico
photo_camera Lince ibérico

Técnicos do Proxecto Life+Iberlince atoparon o cadáver dun lince ibérico macho, que posiblemente morreu atropelado, nunha estrada da provincia de Cidade Real.

Segundo a información publicada este luns na páxina web do Proxecto Life+Iberlince e recollida por Efe, o achado do exemplar produciuse o pasado 31 de marzo por persoal da empresa Fomecam, nos labores cotiáns de seguimento dos exemplares liberados.

En concreto foi atopado sen vida no termo municipal de Villanueva de los Infantes a escasos metros da vía que une esta localidade con Alcubillas, no punto quilométrico 117 do CM-412.

Coa morte deste exemplar son sete os exemplares de lince ibérico mortos por atropelos en estradas de Castela-A Mancha desde que en 2014 comezou o proxecto de reintroducción da especie nas provincias de Cidade Real e Toledo.

Á morte por atropelo destes exemplares súmase a doutros sete por diferentes causas, o que eleva a catorce o número total de linces falecidos desde 2014.

O proxecto Life+Iberlince desde 2014 liberou 53 exemplares en Sierra Morena Oriental e os Montes de Toledo, 23 deles nos anos 2014 e 2015; 19 en 2016 e 11 en 2017, estando previsto que nos próximos meses sexan liberados outros cinco exemplares máis.

Tras a liberación destes linces rexistráronse dezanove nacementos, despois de que seis femias reintroducidas no marco do proxecto de reintroducción Life+Iberlince parisen en estado salvaxe.

Cinco dos dezanove cachorros de lince ibérico naceron na área de reintroducción de Sierra Morena Oriental, na provincia de Cidade Real, e os catorce restantes na área de reintroducción dos Montes de Toledo.

Comentarios