A nai das nenas desaparecidas en Tenerife segue pensando que están noutro continente

Cre que o achado dunha botella de osíxeno e unha funda é parte da "obra escénica" de Tomás Gimeno
Las menores desaparecidas en Tenerife. EP
photo_camera As menores desaparecidas en Tenerife. EP

A nai de Anna e Olivia, desaparecidas na illa de Tenerife o pasado 27 de abril, mostrouse segura de que están vivas e que se atopan xunto ao seu pai, Tomás Gimeno, a pesar de atoparse no fondo do mar unha botella de aire comprimido e unha funda nórdica propiedade do pai das nenas. 

Así o manifestou o portavoz de sosdesaparecidos, Joaquín Amills, nunha entrevista ao programa Esperta Canarias de Radio Marca Tenerife, recollida por Europa Press, na que afirmou que seguen "coa esperanza do primeiro día, que Tomás levou ás súas fillas". 

Joaquín Amills cre que esa botella de mergullo e o nórdico "púidoos arroxar Tomás Gimeno pola borda e que forman parte da obra escénica para facer crer que terminou coa súa vida e a das nenas", e recorda que el manifestara "a idea de cambiar de continente ao seu círculo íntimo", polo que seguen pensando nesta liña "ata que non haxa algo que sexa firme". 

Amills admitiu que cando en martes saíu publicado que se atopou unha botella de osíxeno e unha funda nórdica "todo era confuso" e a nai das nenas "pasouno mal e pasou unha mala noite". En calquera caso, indicou que a parte positiva é que o buque Ángeles Alvariño está a facer o seu traballo "moi ben". 

Remarcou, ademais, que non había nada xunto a eses dous obxectos: "Non estaban ningunha das bolsas; non había nada que nos fixese temer o peor dos finais e, sinceramente, estamos máis seguros aínda de que as nenas están ben e están con Tomás", afirmou Amills. 

O portavoz considera que ante todo isto hai que ser optimistas, o que tamén hai que inculcar á nai de Anna e Olivia, que "está disposta a pelexar para atopar ás súas fillas vivas, con Tomás e ata que non haxa algo que realmente acredite que teñamos que pensar noutra vía". 

Unha procura dificultosa
A Garda Civil destacou este mércores as dificultades do traballo que realiza o buque oceanográfico Ángeles Alvariño na procura das nenas Anna e Olivia, desaparecidas en Tenerife xunto ao seu pai o pasado 27 de abril, debido á complexa orografía dos fondos mariños canarios.

Fontes da Garda Civil sinalaron que os rastreos están a producirse en zonas con profundidades de ata 2.000 metros con moitos desniveis debido á súa orixe volcánico.

Insistiron en que non se trata dunha chaira oceánica senón dunha superficie con diferentes accidentes xeográficos que engaden complexidade ao traballo do buque do Instituto Español de Oceanografía.

As fontes indicaron que, tras o achado dunha botella de mergullo e unha funda nórdica, propiedade do pai das nenas, non se volveu a atopar outros obxectos aínda que o rastrexo do Ángeles Alvariño continuará polo menos ata o vindeiro luns.