Nenos que non se queren

Hai mozos que xa desde pequenos teñen unha autoestima danada, o que pode condicionar o resto das súas vidas

Cando un neno comeza a ter medo a novos retos, temor a asumir responsabilidades e ten dependencia doutras persoas que considera superiores, probablemente se trate dun caso de baixa autoestima -ou que non se quere-, tal e como explica a pedagoga Ana Roia nunha entrevista con Efe.

Esta experta, que acaba de publicar o seu novo libro O Eu infantil e as súas circunstancias, engade que outras características destes pequenos son: medo a relacionarse porque pensan que non serán aceptados, non ter iniciativas, pouca tolerancia á frustración, ponse á defensiva facilmente e déixanse influír por outros. Se un neno chega á etapa adulta coa autoestima "danada", pode ter problemas que van "desde a falta de ambición de metas, soños e ilusións ata un estilo de vida pouco saudable, pasando por unha actitude negativa e un medo ao fracaso nas relacións sociais derivando en fobias".

Por iso, Roia subliña que é necesaria unha boa construción da autoestima desde os primeiros anos de vida, xa que "conforma a personalidade, susténtaa e outórgalle un sentido" e é o "sistema fundamental polo cal se ordenan as experiencias". "A autoestima non é innata, constrúese e define ao longo do desenvolvemento pola influencia das persoas significativas do medio familiar, escolar e social, e como consecuencia das experiencias de éxito e fracaso", manifesta a pedagoga.

Defende que a comunicación familiar está intimamente relacionada coa autoestima e sinala que "a educación tamén consiste en que os nenos saiban comunicar o que lles desagrada sen molestar a ninguén". Neste sentido, para que os pequenos se valoren máis a si mesmos, recomenda aos pais que escoiten activamente as súas experiencias cotiás e apunta que é necesario que perciban: "Estou a escoitar, interésame o que pensas e dis".

Para un bo desenvolvemento da autoestima do neno no núcleo familiar, Roia di que este se debe sentir un membro importante dentro da súa familia "pola forma en que se lle escoita, consúltaselle, responsabilízaselle e valóranse as súas opinións". Ademais, o neno debe percibir unha comunicación fluída cos seus pais, non só porque lle escoitan, senón porque comparten con el as súas experiencias e as súas expectativas; e necesita "estar orgulloso da súa familia para sentirse seguro".

A experta indica que a pesar de que agora hai máis información e a educación emocional está presente nas circunstancias que rodean aos nenos desde as súas primeiras etapas, "aínda falta camiño por percorrer" no campo da autoestima infantil. "Os casos que nos atopamos de bullying (acoso) de baixa intensidade como as agresións verbais ou a exclusión social seguen sucedendo en numerosas ocasións e teñen unha relación moi directa coa autoestima", di Roia.

A consideración positiva dun mesmo deteriórase" cando existe illamento e non se convive cos demais e, nesta liña, explica que internet e o teléfono móbil "constituiron a crear novas formas de comunicación máis afastadas da persoa, diferentes ás vividas hai uns anos".

A pedagoga sinala que é "moi importante" que a tecnoloxía non substitúa ás relacións humanas, porque "se a relación co mundo é unicamente virtual, o autoconcepto do mozo quedará resentido".

Precisamente, Roia explica que as mensaxes de texto, as redes sociais e a navegación por internet deron lugar a unha xeración de "nenos multitarea", que é "insaciable á hora de consumir información e abúrrese con actividades duradeiras". Considera que é un perfil consolidado desde a óptica psicolóxica e psicopedagógica que "debería contemplarse nas metodoloxías didácticas".

Comentarios