El estilo de los candidatos a la Moncloa, a juicio

Tres alumnos da Escola de Moda de Galicia (Esdemga) analizan o estilo dos principais candidatos para as eleccións do 20 de decembro e que cousas cambiarían eles da súa forma de vestir

Adóitase dicir que pola forma de vestir dunha persoa pódese chegar a atisbar parte da súa personalidade. Ademais, unha parte moi importante da comunicación é o que transmite a roupa, os xestos, os complementos e incluso o peiteado de alguén. E máis aínda se se fala de política, un campo no que as persoas están de cara ao público a diario e teñen que saber comunicar as súas ideas e convencer aos cidadáns de que son as correctas. Non só os discursos ideolóxicos son analizados ao detalle, tamén a imaxe.

O venres comezou oficialmente a campaña de cara ás eleccións xerais do 20 de decembro e, por iso, Diario de Pontevedra reuniu a María Durán, Liliana Castiñeira e Iago Otero, tres estudantes da Escola de Moda de Galicia (Esdemga), para analizar o estilo dos cinco candidatos principais a presidente do Goberno. A indumentaria de Mariano Rajoy, do Partido Popular (PP); de Pedro Sánchez, do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE); de Albert Rivera, de Ciudadanos; de Pablo Iglesias, Podemos e de Alberto Garzón, da coalición de esquerdas Unidad Popular sométense ao escudriño dos deseñadores do futuro.

O primeiro que está claro é a orde na que colocarían aos cinco na forma de vestir. Desde o máis rexio, Mariano Rajoy, ata o do look máis 'obreiro', Pablo Iglesias. No medio, e nesa orde, Albert Rivera, Pedro Sánchez e Alberto Garzón. "Vai bastante ligado á ideoloxía dos seus partidos, dende o máis tradicional ata o máis próximo", explica Liliana. O resumo rápido do estilo dos políticos é que "teñen un uniforme e non saen de aí. Traxe con gravata, sen gravata e estilo informal", asegura Iago.

O primeiro que chama a atención de Mariano Rajoy son os seus traxes que, como opinan os tres estudantes, posiblemente sexan feitos por un xastre. "Ao estar confeccionados a medida adóitanlle quedar impecables. Con todo, en ocasións as ombreiras quedan grandes e as mangas curtas. O puño da camisa só se debería ver ao dobrar o brazo e na súa roupa, ás veces, entrevese tamén con el estirado", asegura María. Pero o maior erro do actual presidente do Goberno non está na vestimenta, senón no pelo. "A barba branca e o pelo tinguido chocan moito, debería escurecer a primeira ou aclarar o segundo", afirma Iago.

Coa aparición de caras novas e máis novas no panorama político, Mariano Rajoy empezou a deixar de lado nalgunhas ocasións a gravata, cousa que non termina de encaixar con el. "Cando vai sen camisa ou sen gravata semella que se está forzando para parecerse máis aos outros candidatos", comenta Liliana. Algo que corrobora Iago xa que asegura que se nota que non é natural pois "vai coa camisa desabrochada pero o tipo de zapato que leva é o que porías con gravata, non está ben pensado".

Fiel ao seu estilo, os traxes de Rajoy adoitan ser escuros e as camisas brancas ou azuis, algo que non tería que ser así. "En ocasións aparece cunha americana de cadros, que é formal pero segue as tendencias, e demostra que se pode romper co traxe liso e sinxelo", explica Iago.

O estilo de Pedro Sánchez, como asegura María, está no medio de todos pois "ten unha mestura de todo. Quere ser un pouco da rúa e achegarse ao pobo pero, cando quere, tamén pode ser protocolario". Os seus estilismos máis típicos son os traxes e as americanas con vaqueiros ou pantalóns máis informais. "Con camisa e americana transmite máis o que queren agora para o partido, esa ruptura co clasicismo de antes", explica Iago. "Cando vai con traxe e co abrigo estandar de protocolo parece maior", engade María.

Aínda que acostuma vestir ben, en ocasións tamén comete erros. Así o ve María que cre que "no debate de El País, por exemplo, non acertou do todo nos zapatos pois eran marróns, mentres que os dos demais eran negros. Incluso os de Iglesias que, aínda que eran deportivas, eran escuras".

Todos coinciden en que a de Albert Rivera é a imaxe máis estudada. "É unha creación nova de imaxe, máis fresca, máis nova, pero segue respondendo a ese perfil tradicional", explica Iago que, ademais, está convencido de que a moita xente "lle entra polo ollo, por guapo". Aínda que máis sutil que as gravatas vermellas e azuis de Sánchez e Rajoy, tamén acostuma levar o toque do partido. "O laranxa é máis difícil de pór na roupa pero en ocasións, por exemplo, loce a pulseira da cor de Ciudadanos que, ao final, é o mesmo", explica María.

E é que, aínda que pareza que busca romper coa estética clásica da política española vestindo de forma informal e 'próxima' en moitas ocasións, ao final "é o mesmo. Cando vai con traxe, segue quedándose nos tons lisos e escuros", asegura. Segundo Iago "é unha imaxe moi estudada e vese", ao que Liliana puntualiza que "ata as poses están estudadas ao milímetro".

"Pablo Iglesias desmárcase de todos coa camisa por fóra do pantalón, as mangas remangadas, a coleta...", explica María. Incluso no que gasta en roupa se diferencia dos demais, pois en máis dunha ocasión asegurou que a compra moitas veces en Alcampo. "É como esa xente que di que non lle gusta a moda pero todos compramos roupa e facémolo seguindo un estilo que nos gusta, iso é moda", recalca Iago. Ademais, cre que sería interesante velo "vestido como Rivera cando vai informal. Creo que lle sentaría ben e que máis xente o escoitaría". María está segura de que o candidato de Podemos non ten estilista nin hai ninguén que o guíe, pero que "é algo planeado por el, está todo moi pensado".

Os tres coinciden en que a de Alberto Garzón é a imaxe máis natural. "Posiblemente non teña estilista, do mesmo xeito que Pablo Iglesias, pero o seu estilo está menos planeado", explica Iago. Pouco amigo dos traxes, o máis habitual é velo en mangas de camisa aínda que non dubida en porse un traxe —sen gravata— cando a ocasión o require. "A forma de levar a roupa e a percha que ten inflúen moito en que vaia ben aínda que non leve traxe", asegura María. E é que, segundo Liliana, "ver dúas fotos de Garzón e de Iglesias cun estilo similar, sabes que queren dicir algo moi parecido, mais non o transmiten o mesmo".

O FUTURO. Se Pablo Iglesias chegase ao Congreso tras as eleccións do 20 de decembro, aínda que Iago opina que alí "debería seguir un pouco a norma do protocolo", os tres están de acordo en que non cambiará o seu estilo. "A xente vai criticalo, pero se cambiase tamén o criticarían porque pensarían que xa non sería coherente co que predica", asegura Liliana. Algo que tocarían sería o seu pelo, pero non para cortarllo. "Se se arranxa a barba e un pouco a coleta, igual cambiaría o que a xente pensa del", afirma María.

Para os tres, Mariano Rajoy debería seguir levando o mesmo estilo que ata agora co "traxe como aceno de identidade", pero "dentro do seu estilo, que vaia un pouco máis cara ás tendencias", puntualiza Liliana.

Iago apostaría, no caso de Rajoy, Rivera e Sánchez, por que deixasen de lado un pouco as camisas azuis e brancas. "Con iso si que se podería romper un pouco, aínda que sería criticable. Pero porse unha camisa de cadros non significa porse a de Pablo Iglesias, hainas que quedan perfectas con traxe".

Ningún dos candidatos, excepto Albert Rivera, menciona nunca as marcas que viste, algo no que Liliana, María e Iago opinan que non acertan. "Parece que é pecado relacionarse con algunha marca. Pero non debería estar mal, á fin e ao cabo a moda é algo que todos consumimos e é imaxe. ¿Por que Rivera pode dicir que viste de Hugo Boss e compra en Massimo Dutti e os outros non?", pregúntase Iago. María cre que sería bo que se vestisen de modistos españois e que a moda de aquí se vexa máis. Iglesias ou a Garzón, por exemplo, poderían involucrarse con deseñadores que están a empezar".

Esa sería a principal proposta que lle farían aos políticos que se presentan como candidatos a presidente do Goberno o próximo 20 de decembro: que a moda formase parte do mundo político máis a miúdo. "Se rompesen un pouco co establecido se cadra, aos que nos gusta o mundo da moda ou estamos nel, chamaríanos máis aínda a atención a política", asegura María.

E é que, segundo Iago, seguir a tendencia "non significa que malgastes o diñeiro nin que sexas vanidoso, todo o contrario. A imaxe é un valor e se te despreocupas diso estás a perder algo na comunicación moi importante, que é a primeira impresión".

Comentarios