Pardo de Vera insta a non "aprazar máis" o pago polo uso das autovías

A secretaria de Estado de Infraestruturas cre que o "pago por uso" solucionará o "déficit" en conservación de estradas
Isabel Pardo de Vera. SEBAS SENANDE
photo_camera Isabel Pardo de Vera. SEBAS SENANDE

A secretaria de Estado de Infraestruturas, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, apelou este luns en Pontevedra a "non aprazar máis" a aprobación dunha taxa de uso nas autovías españolas.

Durante a inauguración do Simposio Nacional de Vías e Obras da Administración Local, que acolle a Deputación de Pontevedra, Pardo de Vera defendeu que este modelo de "pago por uso" ofrecerá unha solución ao "crecente déficit" en materia de conservación de estradas.

Os 1.400 millóns de euros que os orzamentos xerais destinarán en 2022 a manter infraestruturas son "insuficientes", dixo a secretaria de Estado, que insistiu en que España debe dar un "paso máis" nos cambios normativos "que demanda Bruxelas".

A este respecto, apuntou que o modelo imposto en Europa "é un 60% de taxa de uso e un 40% de peaxes" e preguntou se "alguén pode entender" que os camioneiros españois "paguen por usar as estradas de toda Europa" e os estranxeiros "usen gratis" as nosas.

Non aprobar esta taxa, subliñou Isabel Pardo de Vera, "detrae recursos" para o mantemento de estradas "en detrimento" do diñeiro que se destina a sanidade, educación ou xustiza ou, pola contra, obriga a recadalo mediante peaxes "desequilibrados".

"Alargouse demasiado a toma de decisións", engadiu Pardo de Vera, que destacou o "gran esforzo" realizado polo Goberno para "minimizar" os "enormes desequilibrios territoriais" en materia de mobilidade.

Así, recordou que entre os anos 2018 e 2026 liberáronse ou se liberarán 1.244 quilómetros da rede nacional de autoestradas e aprobáronse descontos "históricos" naquelas que seguen con concesión debido a decisións "que nos deixaron reféns".

"Ou afrontamos un cambio ou seguiremos cativos dun sistema tan inxusto como lucrativo para algúns", sentenciou a secretaria de Estado de Infraestruturas. 

Comentarios