O PP propón a Ana Pastor e Suárez Illana para a Mesa do Congreso

Rafael Hernando, Pío García-Escudero e Salomé Pradas estarán na do Senado

Ana Pastor y Suárez Illana. EFE
photo_camera Ana Pastor e Suárez Illana. EFE

O PP proporá á actual presidenta do Congreso, Ana Pastor, e ao deputado electo por Madrid Adolfo Suárez Illana para formar parte da Mesa da Cámara baixa, na que aos populares lles corresponden dous postos, un deles unha vicepresidencia. Os nomeamentos votaranse este martes nas sesións constitutivas do Congreso e do Senado que se celebrarán simultaneamente a partir das dez da mañá.

Os nomes foron decididos este luns na reunión do novo grupo parlamentario do PP no Congreso -formado por 66 deputados, dos que 31 son novos- e no Senado, integrado por 54 representantes electos, deles 34 novos.

Por outra banda, o exportavoz do PP no Congreso e agora senador por Almería Rafael Hernando acompañará a Pío García-Escudero e á senadora por Castelló Salomé Pradas na Mesa do Senado, segundo apuntaron a Efe fontes do grupo popular. García-Escudero foi presidente do Senado durante sete anos e medio e previsiblemente ocupará agora a vicepresidencia segunda da Cámara alta, en tanto que a Hernando e a Pradas lles corresponderán dúas secretarías da Mesa.

Mentres na Cámara baixa o PP terá dous postos na Mesa, no Senado contará con tres, por outros tres dos socialistas e un do PNV.

Comentarios