O PSC de Illa gañaría o 14-F co 23,7% dos votos, segundo o CIS

ERC quedaría en segunda posición, a catro puntos dos socialistas
Salvador Illa. MARTA PÉREZ
photo_camera Salvador Illa. MARTA PÉREZ

O PSC gañaría as eleccións catalás do 14 de febreiro co 23,7% dos votos, cunha marxe de case catro puntos de diferenza respecto de ERC, en segunda posición co 19,9%, mentres que JxCat quedaría terceira, a máis distancia (14,6%), segundo a última enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS).

A enquisa, que só ofrece porcentaxe de voto e non proxección de escanos, sitúa como cuarta forza en estimación de voto –con ponderacións demoscópicas– a En Comú-Podem (8,9%), seguida de Cidadáns (7,9%), Vox (6,9%), CUP (6,8%), PP (5,8%), PDeCAT (1,5%) e PNC (0,2%).

A sondaxe do CIS, realizado cos resultados de 1.838 entrevistas entre o 1 e o 3 de febreiro, segue a tendencia da anterior enquisa do pasado 21 de xaneiro, que, tras a irrupción do exministro Salvador Illa como candidato do PSC, xa situaba aos socialistas á fronte, disputando a vitoria con Esquerra.

En comparación coa anterior enquisa do CIS, o PSC manteríase practicamente igual (pasaría do 23,9% a 23,7% en estimación de voto), ERC baixaría un pouco (de 20,6% a 19,9%) e JxCat recortaríalle distancias (de 12,5% a 14,6%).

En cambio, as proxeccións do CIS difiren das do Centro de Estudos de Opinión da Generalitat (CEO), que na súa última sondaxe do pasado 29 de xaneiro apuntaba que ERC gañaría cunha estimación de voto do 22% (34-35 escanos) seguida de JxCat co 20,7% (32-34 representantes), mentres que o PSC quedaría en terceira posición máis distanciado cunha estimación de voto de 19,6% (26-29 escanos).

No estudo do CIS feito público este xoves, a dez días das eleccións, pregúntase polas preferencias como presidente ou presidenta da Generalitat e o 23,5% dos enquisados optan por Salvador Illa (PSC), o 10,6% por Pere Aragonès (ERC) e o 10,4% por Laura Borràs (JxCat).

Estes tres candidatos son os mellor valorados, cunha nota media similar e por baixo do aprobado: 4,4 sobre 10 para Illa e 4,3 para Aragonès e Borràs.

Nunha situación de pandemia da covid, o 53,6% dos enquisados polo CIS teñen claro que irán votar, fronte ao 14,8% que descartan totalmente acudir aos colexios electorais.

Comentarios