O PSOE supera o 30% e aumenta a súa distancia sobre o PP e C's, segundo o CIS

A enquisa realizouse con Pablo Casado na presidencia do PP e antes da polémica pola tese e o libro publicado por Pedro Sánchez

Pedro Sánchez, en el acto por sus cien días del Gobierno. EMILIO NARANJO
photo_camera Pedro Sánchez, no acto polos seus cen días do Goberno. EMILIO NARANJO

O PSOE supera xa o 30 por cento en estimación de voto, sobe seis décimas e obtería un 30,5 por cento dos sufraxios segundo o último o barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) no que os socialistas aumentan a súa distancia sobre o PP, con 20,8 e Cs, cun 19,6.

A enquisa, elaborada entre o 1 e 11 deste mes, recolle por primeira vez o efecto da chegada de Pablo Casado ao liderado do PP, xa que na anterior sondaxe no mes de xullo, o partido estaba aínda en pleno proceso de primarias.

O efecto Casado, segundo o CIS, só dá aos populares catro décimas adicionais sobre a enquisa de xullo; mentres Ciudadanos baixa 8 décimas e Podemos e as súas confluencias soben medio punto ata o 16,1 por cento do voto estimado. No entanto, a enquisa é anterior á dimisión da ministra de Sanidade Carmen Montón -que se produciu o último día do traballo de campo- e a polémica pola tese doutoral e o libro do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

O quinto partido no arco parlamentario é ERC, cun 4,1 por cento, dúas décimas máis que en xullo, seguido do PDeCAT, co 1,9, seis décimas máis que na anterior sondaxe.

O PNV baixa tres décimas ata o 0,9; Bildu sobe medio punto ata o 1,1 por cento mentres que CC mantense no 0,2 por cento. Por primeira vez nos últimos meses, o barómetro cita ao PACMA, co 1,6 por cento e a VOX, co 1,4 por cento e deixa un 1,8 por cento para "outros partidos".

Na anterior enquisa a porcentaxe para "outros partidos" situábase no 4 por cento e non se detallaba a que formación irían eses supostos apoios. Aínda que na estimación de voto que elabora o CIS o PSOE sobe seis décimas, os socialistas baixan en voto "directo" máis de cinco puntos, xa que só o 18,6 por cento dos enquisados aseguran de forma espontánea que os apoiarían.

Pola contra, o voto directo ao PP sobe 2,7 puntos ata o 12,9 por cento, e Ciudadanos sobe un punto, con 12,3 por cento. Unidos Podemos e as confluencias soben nove décimas e quedarían no 9,8 por cento en voto directo.

Comentarios