Rajoy e Rubalcaba acordan renovar os cargos do Constitucional e de RTVE en xuño

O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, déronse de prazo ata o final deste período de sesións, que acaba en xuño, para porse de acordo na renovación de cargos pendentes en institucións como o Tribunal Constitucional ou RTVE.

Así o desvelou hoxe Rubalcaba en rolda de prensa logo de reunirse durante case catro horas no Palacio da Moncloa con Mariano Rajoy, nun encontro que cualificou de franco e profundo.

Segundo Rubalcaba, o PSOE está disposto a que os órganos como os citados, xunto ao Defensor do Pobo e ao Tribunal de Contas, funcionen a pleno rendemento.

Rubalcaba asegurou que durante o encontro non puxeron ningún nome sobre a mesa para ocupar eses cargos e que nin sequera falaron de perfís, aínda que coincidiron na necesidade de que sexan persoas solventes e de recoñecido prestixio. "Hai que acordar uns bos nomes", apostilou.

Logo de reiterar que ambos comparten a idea de que hai que facer esas renovacións de forma rápida e facelas ben, o líder do PSOE xulgou que "é mellor unha semana máis e facelo ben que facelo precipitadamente".

Trátase, segundo incidiu, de ''normalizar'' o funcionamento desas institucións, que están inmersas nunha certa "parálise" en canto renovación dalgúns dos seus postos.

Comentarios