Reyes Maroto, ¿de lidar co conflito de Alcoa a vicepresidenta en Madrid?

Gabilondo anuncia que a ministra de Industria será a súa vicepresidenta económica se forma goberno tras o 4-M
Ministra Reyes Maroto. EFE
photo_camera A ministra Reyes Maroto. EFE

De lidar cos conflitos de Alcoa ou Endesa As Pontes a vicepresidenta da Comunidade de Madrid. Ese é o camiño que fará a ministra de Industria, Reyes Maroto, se o candidato socialista, Ángel Gabilondo, forma goberno na rexión tras as eleccións do próximo 4 de maio.

Segundo confirmaron fontes socialistas, Maroto, economista de profesión, non pode concorrer ás eleccións porque as listas para o 4-M xa están pechadas, pero si podería ser elixida membro do Goberno se Gabilondo suma os números suficientes para ser presidente da Comunidade de Madrid.

De darse esta circunstancia, a ministra de Industria, Comercio e Turismo sería a segunda persoa que sairía do Goberno para formar parte do Executivo rexional porque Gabilondo contaría tamén no seu gabinete con Hana Jalloul, que foi secretaria de Estado de Migracións con Pedro Sánchez e que si vai na lista do PSOE ao 4-M, como número 2.

Gabilondo avanzou hai uns días que se é elixido presidente formará "o primeiro goberno paritario da historia" da Comunidade de Madrid.

Reyes Maroto xa coñece a política madrileña, posto que foi deputada na Asemblea desde maio de 2015 ata que en xuño de 2018 foi nomeada ministra de Industria.

Nas eleccións de maio de 2015 ocupou o posto número 20 da lista de Gabilondo, e nos tres anos nos que foi deputada da Asemblea foi portavoz da Comisión de Orzamentos, Economía, Emprego e Facenda.  Ademais, entre outubro de 2017 e xuño de 2018 foi secretaria da área de Desenvolvemento Sostible dos socialistas madrileños.

Comentarios