Retiran a pensión paterna a unha moza de 24 anos por non aproveitar os seus estudos

A moza pasou os tres últimos cursos escolares en Segundo de Bacharelato sen aprobar unha soa materia

A Audiencia Provincial de Albacete retirou a pensión alimenticia de 600 euros que pagaba un pai divorciado á súa filla de 24 anos, polo "nulo aproveitamento" dos seus estudos, xa que coa súa idade pasou os tres últimos cursos escolares en Segundo de Bacharelato sen aprobar unha soa materia.

A Sección Civil da Audiencia Provincial albaceteña atendeu o recurso que presentou o pai da estudante ao fallo do xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 6 de Albacete o 21 de xullo de 2017, no que determinou que seguise pagándolle a pensión de 600 euros á súa filla.

Na sentenza da Audiencia de Albacete, que foi ditada no mes de xuño aínda que foi dada a coñecer agora, dise que o pai alegaba para deixar de pagar a pensión á súa filla que a moza se incorporou ao mercado laboral, xa que traballara ocasionalmente, aínda que a súa "actividade principal" eran os estudos.

Con todo, tamén se reflicte na sentenza, á que tivo acceso Efe, que desde xullo de 2014 a moza "só estivo matriculada de Segundo en Bacharelato" en tres cursos, nos que non avanzou, xa que "no primeiro ano non aprobou, o segundo curso foi dada de baixa por inasistencia, e o terceiro curso tampouco aprobou nada".

Por iso, o tribunal admitiu o recurso do pai e acordou retirar a pensión alimenticia "ante o nulo aproveitamento dos seus estudos e a idade da beneficiaria da pensión, 24 anos".

Argumenta que "non é admisible que se obrigue ao pai a facer o sacrificio económico que supón o pago da pensión" sen que a filla "empregue o seu tempo en formarse adecuadamente de face á obtención dun medio de vida que lle permita independizarse".

No entanto, e co fin de permitir que a moza poida incorporarse ao mercado laboral "nas mellores condicións posibles", a Audiencia de Albacete prolongou o pago da pensión mensual de 600 euros por medio ano. 

Comentarios