Ruz investiga a compra por parte de Jordi Pujol Jr. de seis coches de luxo

O xuíz Pablo Ruz pediu datos á Dirección Xeral de Tráfico (DXT) sobre a compra de seis vehículos de alta gama -das marcas Porsche, Jaguar, Ferrari, Lotus e Mercedes- supostamente realizada por Jordi Pujol Ferrusola, fillo do expresidente da Generalitat.

Co obxecto de certificar que son da súa propiedade, o xuíz requiriu á DXT o historial da transferencia deses coches nun auto no que acorda unha serie de dilixencias no marco da causa na que investiga unha denuncia da exnoiva de Pujol María Vitoria Álvarez, por suposta evasión de capitais e branqueo, informaron a Efe fontes xurídicas.

No referido á investigación sobre eses seis coches de luxo, un deles un Ferrari Testarossa, o xuíz acordou que se tome declaración en calidade de testemuñas aos vendedores deses vehículos e autoriza á Policía a realizalas.

Nesa mesma resolución, na que o xuíz aproba a tramitación da maior parte das dilixencias solicitadas a finais de decembro pola Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Policía (UDEF), Ruz diríxese tamén á Dirección Xeral do Catastro para coñecer o domicilio fiscal de Jordi Pujol Ferrusola, así como os cambios de titularidade das súas vivendas.

Ademais require información a un notario sobre a compravenda dunha propiedade e a un administrador mercantil sobre a compra de dúas leiras rústicas en Xirona.

Tamén solicita ás entidades bancarias BBVA, Crédit Suisse, Banco Santander e Banca Edmond de Rothschild os contratos de apertura, firmas e extracto de movementos de máis de vinte contas vinculadas a mercantís, tamén relacionadas coa súa exmuller Mercedes Gironés e persoais de Jordi Pujol Ferrusola.

Fai así mesmo o xuíz un requirimento a determinadas mercantís para que informen "o máis axiña posible" sobre os servizos recibidos de todas as empresas vinculadas a Pujol e a súa exesposa.

No citado informe da UDEF, a Policía pedía ao xuíz que librase unha comisión rogatoria a Arxentina para investigar os negocios que supostamente ten alí o fillo do expresidente da Generalitat, pero esta petición aínda non foi resolta por Ruz.

O pasado 9 de abril, Ruz deu conta nun auto dun informe da Axencia Tributaria que sinalaba Pujol Ferrusola moveu 32,4 millóns de euros en trece países, entre eles Suíza, Illas Caimán e Liechtenstein, nun total de 118 movementos desde tres bancos entre 2004 e 2012.

Segundo o auto, eses movementos de diñeiro foron efectuados polo propio Pujol ou algunha das cinco sociedades que a Axencia Tributaria detectou vinculadas a el, "con saída ou destino, segundo os casos", a trece países.

Comentarios