Sanidade confirma o primeiro caso de coronavirus en España, na Gomera 

Os cinco turistas alemáns en illamento permanecerán ingresados
 
Hospital de La Gomera. EFE
photo_camera Hospital de La Gomera. EFE

O Ministerio de Sanidade confirmou este venres un caso positivo por coronavirus en La Gomera, segundo certificou o Centro Nacional de Microbiología, dependente do Instituto de Salud Carlos III de Madrid, tras as análises realizadas a unha das mostras enviadas desde a illa canaria. O paciente atópase ingresado e illado nun centro hospitalario da illa. Este é o primeiro caso detectado en España.

Este paciente é unha das cinco persoas de nacionalidade alemá que foron ingresadas e illadas no Hospital Virxe de Guadalupe de La Gomera en observación tras coñecerse que dúas delas estiveran en contacto no seu país cun paciente diagnosticado de infección por coronavirus. 

Chegados á illa en calidade de turistas, foron localizados na tarde deste mércores unha vez que a Consellería de Sanidade do Goberno de Canarias foi alertada polo ministerio de que en Canarias había dúas persoas que estiveran en contacto en Alemaña cun paciente diagnosticado de coronavirus co fin de activar o protocolo correspondente. Desde ese momento, foron ingresadas e illadas no Hospital de La Gomera. 

O estado de saúde destas cinco persoas "é ata este momento bo", o que apunta a que a infección por este coronavirus "cursa maioritariamente de forma leve", segundo indicou a consellería. Continuarán ingresados no hospital de La Gomera e serán sometidos aos tratamentos e medidas de protección que indica o protocolo para estes casos. 

Comentarios