Vox suspende de militancia ao senador investigado por violencia machista

Juan Ros asegura que a muller sufriu un accidente doméstico e abriuse a cabeza

Juan Ros Alcaide. SENADO

Vox suspendeu de militancia ao seu senador por Ceuta Juan Ros Alcaide, denunciado pola Garda Civil por un presunto caso de violencia machista ao agredir supostamente á súa parella, unha muller de 61 anos.

Juan Ros Alcalde é un dos tres senadores que Vox ten na Cámara Alta, integrados no grupo Mixto, e entre as comisións ás que está adscrito figuran a de Xustiza, a de Igualdade e tamén a Comisión Especial de Seguimento e Evaluación sobre o Pacto de Estado sobre Violencia de Xénero.

A formación encabezada por Santiago Abascal anunciou a súa suspensión de militancia este mércores a través dunha mensaxe difundida na conta de Twitter do grupo parlamentario de Vox no Congreso.

OS FEITOS. A Garda Civil abriu unhas dilixencias por unha posible agresión de violencia de xénero por parte do senador de Vox por Ceuta, Juan Ros Alcaide, á súa parella, segundo confirmaron fontes próximas ao caso. Ros negou "rotundamente" os feitos e dixo que atopou a súa parella cun golpe na cabeza tras caerse polas escaleiras. Os feitos sucederon o pasado martes na localidade malagueña de Alhaurín de la Torre.

Axentes da Garda Civil acudiron a unha vivenda tras un aviso e atopáronse á muller con signos de violencia e restos de sangue. O caso chegou ao Xulgado de Violencia contra a Muller número 1 de Málaga. Segundo as fontes, o home negouse a recepcionar calquera citación como investigado, ao facer valer a súa condición de aforado ao ser senador. 

A muller foi trasladada ao Hospital Clínico con politraumatismos en varias partes do corpo. Segundo fontes sanitarias, a muller está en observación, onde permanecerá ao longo das próximas horas pendente de evolución e das probas diagnósticas que se lle realizaron. Estas fontes indicaron que ante as sospeitas iniciouse o protocolo de violencia de xénero e que a muller está custodiada por efectivos das Forzas e Corpos de seguridade do Estado.

 A muller atópase en observación e baixo custodia

ROS NÉGAO "ROTUNDAMENTE". Pola súa banda, o senador por Ceuta de Vox, Juan Ros, negou "rotundamente" este mércores que agredise á súa parella na súa vivenda de Alhaurín de la Torre e asegurou que a muller foi vítima dun "accidente doméstico" ao "caer polas escaleiras" do seu domicilio e "abrirse a cabeza". Así, defendeu que pode "demostrar cos billetes da AVE" que este martes chegou a Málaga "ao redor das 19.30 ó 20.00 horas". Ao chegar á súa casa atopou a súa parella "cun forte golpe na cabeza tras caerse polas escaleiras". "Debía de levar 24 horas inconsciente", indicou en declaracións a Europa Press. 

O político, médico de profesión, relatou que pediu auxilio ao 112, que lle indicou que non tiña ambulancias dispoñibles. "Dixéronme que se necesitaba axuda o máis rápido era a Garda Civil", relatou o senador, que desmentiu que recoñecese ter golpeado á súa esposa, aínda que si que apuntou á Benemérita que "consumira moitas pastillas para durmir". 

"Unha garda civil foi a que dixo que ía pór que era un caso de violencia de xénero, pero o desminto rotundamente: foi un accidente doméstico e a propia policía científica dixo que ata podía pensar, pola ferida que presentaba, que alguén entrara en casa e a atacara", engadiu o parlamentario. 

Comentarios