Simón non descarta que a situación nas ucis sexa "moi crítica" en novembro

Confía en que os hospitais "non colapsen", pero avisa de que non o pode garantir, xa que é "altamente probable" que a evolución da epidemia empeore nos meses invernais
Fernando Simón. EFE
photo_camera Fernando Simón. EFE

O director do Centro de Coordinación de Urxencias e Alertas Sanitarias, Fernando Simón, non descartou este luns que, se as medidas implementadas non fornecen efecto, a mediados de novembro poida producirse unha situación "moi crítica" nas unidades de coidados intensivos dos hospitais polo covid. En rolda de prensa, recalcou que a pandemia está en fase claramente ascendente en España: "Non sabemos cantas semanas vai durar esa progresión". 

"Sabemos que as comunidades autonómicas están a implementar moitas medidas, hai máis que se poden implementar, como o confinamento domiciliario", engadiu Simón, quen considerou que "non é fácil saber a evolución cando estamos a metade do período de implementación das medidas e de observación para ver se teñen efecto". En calquera caso, considerou que é "altamente probable" que a evolución da epidemia empeore nos meses invernais. 

Nesa liña, asegurou que, se a expansión do virus segue crecendo nas dúas próximas semanas, é "moi posible" que a mediados de novembro ou cara á terceira semana dese mes "esteamos nunha situación moi crítica nas ucis". Esa situación complicada, incidiu, non será tanto "porque non se poida asumir a carga do coronavirus, senón porque se terá que reducir a actividade programada dos hospitais." 

"Teño a esperanza de que non colapsen, pero non o podo garantir", aseverou Simón, quen pediu a toda a poboación que axude a pór en práctica as medidas "da forma máis eficaz posible" porque "non podemos asumir que van colapsar si ou si". 

E é que "practicamente" todas as comunidades autónomas atópanse nunha situación de risco moi alto, e as que non o teñen alto, fóra de Canarias. 

Comentarios