Solicitan a 'Wouzee' os datos do usuario que colgou o vídeo da declaración da Infanta

O xulgado de instrución 11 de Palma, que investiga a gravación e difusión do vídeo da declaración da infanta Cristina no caso Nóos, reclamou a Wouzee, a plataforma de internet na que se exhibiron as imaxes, que lle facilite os datos que teña do usuario que as colgou.

Fontes xurídicas confirmaron que o xuíz Manuel Penalva remitiu un requirimento a Wouzee para que facilite canta información teña sobre a persoa ou persoas que rexistraron e divulgaron as imaxes desobedecendo a prohibición expresa do xuíz do caso Nóos, José Castro.

O escrito foi remitido onte e foi entregado hoxe aos responsables da plataforma de internet pola Policía, segundo confirmou a propia empresa, cuxo máximo responsable, Marcial Cuquerella, asegurou a través de Twitter que están "encantados" de colaborar co xuíz.

Segundo informou a EFE un portavoz da compañía, os usuarios que queren subir contidos audiovisuais a Wouzee rexístranse achegando un correo electrónico e póndose un nome identificativo, que neste caso foi Infanta. Ademais, cando algún usuario sobe un vídeo á plataforma, os seus xestores só rexistran como dato de orixe unha dirección IP, o número identificativo dun dispositivo dentro dunha rede.

Na actualidade existen sistemas de fácil acceso para enmascarar o IP co fin de que non sexa posible localizar o dispositivo desde o que leva a cabo unha operación en internet.

O xulgado de instrución número 11 de Palma, onte en funcións de garda, fíxose cargo da investigación da gravación e difusión do vídeo tomado o pasado sábado na sala de vistas en que declarou a infanta Cristina como imputada por presunto delitos fiscais e de branqueo de capitais no caso Nóos.

Comentarios