O Supremo rexeita anular a sentenza do caso Nóos como pediu Urdangarin

O exduque de Palma pode acudir, se así o estima, ao Tribunal Constitucional en petición de amparo

Iñaki Urdangarin. AEP
photo_camera Iñaki Urdangarin. AEP

O Tribunal Supremo desestimou os incidentes de nulidade presentados polo exduque de Palma Iñaki Urdangarin e o seu exsocio Diego Torres contra a sentenza do caso Nóos que os condenou a máis de cinco anos de cárcere a cada un e pola que xa se atopan en prisión.

Nun auto, a Sala Segunda do alto tribunal sinala que nos escritos de ambos os condenados non se aducen cuestións novas adoptadas pola sentenza que o Tribunal Supremo ditou o pasado mes de xuño, senón que son "un intento de prolongar ou alargar (e o algún punto, ampliar extemporáneamente) o debate de casación".

Urdangarin, que se atopa na prisión de Brieva (Ávila), pediu a nulidade da sentenza do Supremo, que rebaixou a condena que lle impuxo a Audiencia de Palma de 6 anos e tres meses a cinco anos e dez meses; do mesmo xeito que Diego Torres, para quen a pena foi rebaixada de 8 anos e medio a 5 anos e 8 meses de prisión.

Agora, a decisión do Supremo con relación aos incidentes de nulidade de ambos, supón o paso previo antes de que Urdangarin e Torres poidan acudir, se así o estiman, ao Tribunal Constitucional en petición de amparo.

Un dos argumentos esgrimidos pola Sala do Penal do Supremo para desestimar a súa petición é que ambos os escritos ían dirixidos a combater "indirectamente o que decidiu a Audiencia de Palma de Mallorca" cando en realidade os incidentes de nulidade están reservados a lesións de dereitos fundamentais directamente achacables á sentenza ditada polo alto tribunal e que non poidan ser denunciados previamente.

A Sala cuestiona que Urdangarin e o seu exsocio alegasen "cuestións estrañas" ás que deben argumentarse nun escrito propio dun incidente de nulidade.

E recorda aos condenados que esta fórmula "non pode converterse nun sedicente recurso de súplica para entrar en dialéctica co tribunal e rebater os argumentos que poida expor na súa sentenza ou manifestar as lexítimas discrepancias con eles".

Xa que logo, non se poden reformular temas xa resoltos nin cuestións non achacables á última sentenza cando o defecto identificado por ambos se atope na primeira sentenza e non reclamen antes a súa corrección.

A sentenza do alto tribunal, que condenou a Urdangarin por seis delitos, reprochou ao exduque de Palma que utilizase o "trampolín da súa privilexiada posición" para lograr o "sometemento" do expresidente balear Jaume Matas -condenado a 3 anos e 8 meses- aos seus intereses.

Está acreditado, dixo o Supremo, que o acusado "a través da súa amizade" con Diego Torres e o exdirector xeral de Deportes do Govern balear José Luís Ballester, e dada "a situación de privilexio que gozaba como consecuencia do seu matrimonio cunha filla de quen entón era Xefe do Estado, conseguiu mover a vontade" de Matas para obter contratos.

En canto á infanta Cristina, o Supremo minoró a contía que debía pagar como responsable civil a título lucrativo: de 265.088 euros a 136.950 euros ao entender que non debía responder como partícipe a título lucrativo por delitos fiscais, pero si por malversación e fraude. 

Comentarios