martes. 19.01.2021 |
El tiempo
martes. 19.01.2021
El tiempo

Urkullu adianta as eleccións en Euskadi ao 5 de abril

Iñigo Urkullu. EFE
Iñigo Urkullu. EFE
O lehendakari advirte que o clima electoral "instalouse" na comunidade

O lehendakari, Iñigo Urkullu, anunciou nunha comparecencia na sede da Presidencia vasca en Vitoria, o adianto das eleccións autonómicas para o 5 de abril.

O lehendakari explicou que adianta os comicios porque considera que o clima electoral "instalouse en Euskadi", o que faría "moi difícil" aprobar os proxectos que se atopan en tramitación no Parlamento Vasco.

Urkullu explicou que tomou esta decisión en beneficio "da sociedade vasca", á que así lle aforra unha "campaña permanente de oito meses" se mantivese a celebración das eleccións no outono.

Engadiu que deste xeito xa haberá un novo goberno antes de verán, o que lle permitirá encamiñar a tramitación dos orzamentos do próximo ano. A preguntas dos xornalistas, recoñeceu que este adianto electoral tamén se viu motivado pola "situación xeral no Estado e como Cataluña podería afectar o Goberno español e, de rebote, ás demais institucións" do Estado. 

Co adianto no País Vasco está por ver que fai Alberto Núñez Feijóo, que podería adiantar os comicios para facelos coindicir cos vascos ou esgotar a lexislatura, que termina en setembro.

Santalices: "Feijóo sempre toma as decisións adecuadas"
A este respecto, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, apuntou este luns ao ser preguntado por un posible adianto electoral que "o presidente da Xunta sempre toma as decisións adecuadas", un feito "que vén observando desde hai tempo".

"Hai que deixar ao presidente que estea tranquilo", apuntou Santalices. Ao ser cuestionado por un adianto electoral ao próximo 5 de abril, que suporía que o Parlamento paralizase a súa actividade este martes, o presidente do Lexislativo galego apuntou que se ve moito movemento e moita actividade preparatoria do traballo parlamentario por aquí".

"Creo que é positivo que os deputados traballemos no que a xente nos pediu, para iso é para o que nos elixiron", proseguiu Santalices, quen entende que "quedan moitas cousas por facer aínda".

Urkullu adianta as eleccións en Euskadi ao 5 de abril
comentarios