Unha xuíza procesa a Eduardo Inda por acoso aos fillos de Iglesias e Montero

Unha xuíza de Collado Villalba (Madrid) procesou o director de OkDiario, Eduardo Inda, e o xornalista deste medio Alejandro Entrambasaguas por supostamente acosar os fillos do vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, e a ministra de Igualdade, Irene Montero. 

No auto de transformación en procedemento abreviado —equivalente ao procesamiento—, ao que tivo acceso Efe, a titular do xulgado de primeira instancia e instrución número 2 de Collado Villalba, Sara Rodríguez, dá traslado ás partes para que soliciten a apertura do xuízo formulando escrito de acusación ou o sobresemento das actuacións. E cita a Eduardo Inda e a Alejandro Entrambasaguas o vindeiro luns ás 10.00 no xulgado para notificarlles o auto, contra o que cabe interpoñer recurso de reforma. 

A xuíza considera que os feitos poden ser constitutivos dun delito contra a liberdade. O artigo 172 do Código Penal di "será castigado coa pena de prisión de tres meses a dous anos ou multa de seis a vinte e catro meses o que acose unha persoa levando a cabo de forma insistente e reiterada, e sen estar lexitimamente autorizado" e con iso "altere gravemente o desenvolvemento da súa vida cotiá". 

Iglesias e Montero, actuando en nome dos seus fillos, presentaron unha querela en decembro de 2019 por un delito contra a liberdade contra Inda, o xornalista Alejandro Entrambasaguas e a mercantil Dos Mil Palabras S.L., titular e editora do diario dixital OKdiario. 

A xuíza considera que "resulta indiciariamente" que Entrambasaguas, que traballaba para OKdiario, cuxo representante legal é Inda, durante novembro e decembro de 2019, "acode en varias ocasións ao domicilio da coidadora dos fillos" de Iglesias e Montero onde deixaban os seus fillos a diario "coa finalidade de obter información sobre a mesma e da súa actividade". 

Engade que "coa mesma finalidade chámaa en varias ocasións por teléfono", sempre con resultado negativo, e "ao non obter a información directa da coidadora, acode á urbanización na que se atopa o citado domicilio e alí aborda varios veciños co mesmo fin". 

Debido a iso, "a coidadora restrinxiu as saídas aos parques infantís das zonas comúns" da urbanización cos nenos aos que coidaba, "quedando limitada, polo tanto, a súa actividade diaria e a dos menores" e "ante a reiteración dos feitos", o 31 de decembro de 2019, tivo que deixar de coidar os nenos. Unha acción, destaca a xuíza, que "supuxo unha alteración evidente na vida cotiá dos querelantes e dos seus fillos, véndose obrigados a elixir outra opción para o coidado dos seus fillos durante a súa xornada laboral". 

Comentarios