Un 15% dos maiores de 80 infectados no primeiro ano de pandemia faleceron

Así o reflicte un estudo de investigadores de USC, Uvigo e Sergas, que evidencia que sete de cada dez falecidos superaban esa idade
Un sanitario trabajando en la Uci de Montecelo. RAMÓN LEIRO
photo_camera Un sanitario traballando na Uci de Montecelo. RAMÓN LEIRO

O 99% das persoas falecidas con coronavirus no primeiro ano de pandemia en Galicia tiñan máis de 50, e o 70% eran maiores de 80, aínda que estes representan menos dun 9% da poboación galega. Do mesmo xeito, de todos os maiores de 80 que se infectaron nese tempo un 15% morreu. E é que, das 10.836 persoas por enriba dos 80 que padeceron a doenza, 1.643 non a superaron.

Estas son algunhas das conclusións recollidas nun traballo realizado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, a UVigo e o Sergas no que se analizan os datos dun ano de pandemia en Galicia. O traballo foi publicado recentemente na revista International Journal of Environmental Research and Public Health e está asinado polo catedrático de Análise Matemática da USC Juan José Nieto, xunto aos profesores da UVigo Iván Area e Henrique Lorenzo, así como por Pedro J. Marcos, do Sergas. 

Nel analízanse os datos de persoas falecidas, contaxiadas e de ingresos en hospital e en unidades de coidados intensivos por grupos de idade e en distintos momentos da pandemia: na primeira onda, no ano completo e no tempo transcorrido entre o 1 de xaneiro de 2021 e os primeiros días de abril de 2021, coincidindo este último período co comezo da campaña de vacinación e a propagación da mutación británica do virus en Galicia.

Na análise realizada, os investigadores sinalan que nun ano de pandemia case o 71% das persoas falecidas era maiores de 80 anos. Ademais, un 19% estaba no grupo de idade de 70-79; algo máis do 6%, no grupo de 60-69, e un pouco menos do 3%, entre os 50 e 59 anos. 

"O mito de que o covid-19 non afecta ás persoas de menos idade queda claramente demostrado que non é certo", subliñan os investigadores

Respecto dos datos de defuncións, os investigadores tamén subliñan que "resulta moi importante destacar que o máximo diario de persoas falecidas na primeira e na terceira onda teñen valores moi similares".

Os investigadores destacan, ademais, que durante a primeira onda da pandemia e no comezo deste curso académico repetiuse en distintos foros que o covid non afectaba ás persoas menores. E "a realidade é ben distinta", contrapoñen. Así, detallan, na primeira onda, os datos oficiais sobre a afectación nos grupos de idade de 0-9 anos e de 10-19 arroxaban unhas porcentaxes do 0,84% e 1,61% dos casos, respectivamente. É dicir, algo máis do 2% dos casos, cando estes grupos representan case o 16% da poboación. 

Con todo, se se analiza o sucedido desde o 1 de xaneiro de 2021 obsérvase que no grupo de 0-9 recolléronse o 7,93% dos casos —"cando representan o 7,30% da poboación galega"— e no colectivo de 10-19 anos rexistráronse o 9,99% dos casos, cando representan o 8,50% da poboación. 

"Co avance da pandemia e a generalización de probas PCR entre a poboación obsérvase que a porcentaxe de casos detectados por grupo de idade é moi semellante", indican os investigadores. "O mito de que o covid-19 non afecta ás persoas de menos idade queda claramente demostrado que non é certo", afirman os investigadores.

Comentarios