Ata 76.000 firmas piden á Valedora vetar a caza a nenos e nenas

A Lei de Caza de 2013, sinala o comunicado, establece a idade mínima para portar armas e participar en batidas de xeito activo nos 16 anos, unha idade que o lobby intentou rebaixar ata os 14
Infracciones detectadas por Libera en el campeonato de caza de zorro en Cerdedo-Cotobade (1)
photo_camera Un home cunha escopeta. DP

Ata un total de 76.000 firmas foron dirixidas á Valedora do Pobo para vetar a caza a nenos e nenas en Galicia, informou a asociación animalista Libera. A Lei de Caza de 2013, sinala o comunicado, establece a idade mínima para portar armas e participar en batidas de xeito activo nos 16 anos, unha idade que o lobby intentou rebaixar ata os 14, aínda que lograron que non se establecese ningunha barreira para a súa participación como espectadores ou acompañantes, unha auténtica aberración administrativa amparada pola Xunta.

Calcúlase, continúa a nota, que durante a última década producíronse unha quincena de falecementos relacionados con cacerías, "mentres que os accidentes en cada tempada cóntanse por decenas a pesar de que o Sergas negou esta información á Asociación Animalista Libera cando consultou sobre o custo que supuña a atención sanitaria e que porcentaxe era cuberto polas aseguradoras que cada escopeteiro debe contratar".

Neste sentido os animalistas sinalan que o propio Comité dos Dereitos do Neno advertiu en 2018 a España sobre a intervención de menores, como novilleiros ou espectadores, en eventos tauromáquicos, instando o Goberno central a afastalos deste tipo de violencia, e establecen a comparativa coa caza, cuxas convocatorias non están exentas de risco e teñen un maior número de baixas e accidentes en proporción en Galicia.

Por iso, Libera! avanzou este sábado que trasladará a súa petición cidadá, subscrita por máis de 76.700 persoas na plataforma Change.org, á nova Valedora do Pobo, reclamando unha investigación e unha hipotética recomendación como a que realizou esta institución en 2012, desaconsellando rebaixar a idade de caza aos 14 anos.

A ONG sostén na exposición de motivos da recollida de firmas que as "'balas 'rebotadas', as distraccións ou os accidentes son habituais, co consecuente perigo para os adolescentes", ademais de salientar que "os poderes públicos teñen a corresponsabilidade, xunto coas familias, de desenvolver medidas para protexer ás persoas menores de idade, e de crear unha contorna saudable".

En paralelo aos defensores dos animais destacaron que a propia administración tratou de incentivar a incorporación de menores ás cacerías con convenios malgastando miles de euros e agora tratan tamén de presentar iniciativas no Parlamento de Galicia para acabar con este tipo de "promocións" por fomentar actividades con risco para a súa saúde física e emocional.

Comentarios