81 flores recordan ás vítimas de Angrois ao paso do Alvia xusto dous anos despois

A ministra de Fomento anuncia que Renfe aprobará un fondo para atención aos afectados por accidentes ferroviarios
Familias y afectados, ante la curva en que se produjo el accidente
photo_camera Familias y afectados, ante la curva en que se produjo el accidente

Un total de 81 flores recordaron na tarde noite deste venres 24 de xullo de 2015, ao paso do Alvia que cobre a ruta entre Madrid e Ferrol, a outras tantas vítimas que se deixaron a vida no accidente de tren rexistrado o 24 de xullo de 2013.

A emotiva escena situou de novo no mapa a Angrois, a zona cero daquela traxedia ferroviaria sucedida na curva da Grandeira, situada neste barrio compostelán, e as flores foron bendicidas polo párroco da Colexiata de Sar, José Porto.

Vítimas e familiares daquelas persoas recordaron deste xeito un sinistro que descarrilou o ánimo de todo un país.

As vítimas do accidente ferroviario apelaron directamente ao xuíz que na actualidade instrúe a causa, o titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, Andrés Lago Louro, e pedíronlle que "por favor" non lles defraude". "Por favor, non nos defraude, non faga como tantos outros", suplicaron

A homenaxe estivo marcado polo ton crítico dos discursos dos afectados, que denuncian que "cada vez é máis patente a cadea de erros e chapuzas" que orixinou o sinistro, pero que "o aparello do Estado segue intentando ocultar".

A homenaxe floral foi a culminación dunha xornada chea de recordos, que empezou cunha manifestación pola mañá en Santiago para esixir que se coñeza "a verdade" dun caso no que incluso hai discrepancias sobre o número de vítimas. A Xustiza recoñece 79, nunha dramática coincidencia coas recoñecidas oficialmente no accidente ferroviario de Torre del Bierzo en 1944, aínda que todas as fontes coinciden en que puideron ser máis de 500. Mentres a Xustiza di 79, as familias engaden o neonato dunha embarazada falecida na Grandeira e un home que consideran que a súa leucemia se viu agravada polo accidente de 2015.

Ana Pastor anuncia un fondo de atención ás vítimas de accidentes de tren

Desde León, a ministra de Fomento, Ana Pastor, recordou este venres ás vítimas do accidente de Santiago de Compostela e informou de que Renfe aprobará a próxima semana un fondo de atención ás vítimas de sinistros ferroviarios.

Nunha visita ás obras da variante de Pajares en La Pola de Gordón (León), a ministra afirmou  que desde o Goberno inténtase axudar "todo o posible" ás familias e ás persoas con lesións, especialmente aos que sofren "lesións psicolóxicas" que son "bastante indelebles".

"Todo o recordo para as vítimas e o apoio aos seus familiares, imos estar sempre con eles acompañándolles. Non podemos recuperar a vida das persoas que xa non están pero temos que axudar todo o posible ás súas familias e ás persoas con lesións", reiterou.

Recordou que a próxima semana o Consello de Renfe aprobará un fondo de atención ás vítimas de accidentes ferroviarios que ao seu xuízo "é moi importante" para dar "unha resposta inmediata ás pequenas ou ás grandes necesidades que poidan ter familiares e afectados".

Comentarios