O 94% das residencias galegas recibiron a primeira dose da vacina do covid

Nieves Cabo, a primeira galega vacinada, será tamén a primeira en recibir a segunda dose este domingo en Santiago 
Un sanitario vacuna en A Estrada. PATRI FIGUEIRAS
photo_camera Un sanitario prepara unha vacina na Estrada. PATRI FIGUEIRAS

Usuarios e traballadores do 94% das 566 residencias de Galicia recibiron a primeira dose da vacina contra o coronavirus, que se completará coa segunda a partir do domingo día 17. Os datos foron expostos este xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen detallou que se administraron 33.351 doses ao persoal e aos residentes.

"O domingo ás 8.00 horas vacinaremos a primeira persoa que recibiu a vacina en Galicia na residencia Porta do Camiño en Santiago", Nieves Cabo, de 82 anos, avanzou o presidente galego, quen asegurou que o ritmo de administración das doses avanza na comunidade segundo o permiten as entregas recibidas. Así as cousas, en plena terceira onda e cos contaxios en ascenso, chamou a actuar con responsabilidade e pediu a todos os cidadáns "o último esforzo", porque nin hai "tratamento" para o covid-19 nin vacinas "suficientes"

Tras o Consello da Xunta, que analizou o plan de vacinación, Feijóo ratificou que o obxectivo é que nunhas tres semanas, "este mesmo mes ou nos primeiros días de febreiro", poidan quedar inmunizados coas dúas doses traballadores e usuarios dos centros xeriátricos que estean libres de covid-19. Nos que se rexistran brotes é preciso "esperar". 

O presidente pide un "último esforzo" aos cidadáns porque non hai tratamento nin vacinas "suficientes"

Segundo o presidente da Xunta, tamén se avanza "con normalidade" no proceso co segundo grupo prioritario, o persoal sanitario. As primeiras vacinas puxéronse este mércores, co obxectivo de administrar 20.000 esta semana. Trátase de persoal de urxencias, críticos, oncohematoloxía, unidades de hospitalización a domicilio, unidades covid, diáleses, microbioloxía e 061, entre outros.

"Facémolo cun criterio: o 30% do persoal destas áreas e por rigorosa orde alfabética. Pode ser discutible, pero é un criterio obxectivo", defendeu, para engadir que tamén se están vacinando os profesionais de Atención Primaria. 

En estudo están os protocolos de vacinación para os seguintes grupos por parte de Sanidade e Política Social. "Os profesionais sanitarios dos servizos que non están na primeira liña e o persoal sociosanitario dos centros de día e do servizo de atención ao fogar serán os seguintes", recordou Feijóo. Esa fase desenvolverase a partir do 10 ou 12 de febreiro. 

Co ritmo anual da subministración de vacinas, e incluso sumando as de Moderna, calcula que todo o persoal do Sergas estaría inmunizado coas dúas doses "a final de febreiro ou principios de marzo". 

En canto ao seguinte colectivo prioritario, o dos grandes dependentes, procederase á vacinación a partir de principios do mes de marzo.

 

España administrou 676.186 doses, incluídas as primeiras de Moderna
Un total de 676.186 persoas foron vacinadas ata este xoves contra o covid-19 en España, o que supón que se administraron o 59,3% das 1.139.400 doses entregadas ás comunidades autónomas. Os datos de Sanidade confirman tamén que, ademais das de Pfizer, comezáronse a inxectar doses de Moderna, aínda que de momento só 99.

Melilla é o territorio no que está máis avanzada a campaña de vacinación, ao fornecer o 91% das doses recibidas. Ségueno Comunitat Valenciana co 85,2%, Asturias co 79,4% e Galicia co 76%.

En contraste, as comunidades máis atrasadas na administración das vacinas son Navarra, co 45,7%, Madrid (41,6%) e País Vasco (41,2%).

Comentarios