Aconséllase 'sentidiño'

Ás 00.00 horas deste sábado entran en vigor os cambios nas medidas anticovid, nos que algunhas normas que eran obrigatorias pasan a ser recomendacións
#DAVID #PLAYA FLUVIAL# Fotos de gente en la playa fluvial y paseando, jueves, 10 jun · 16:30–17:30
photo_camera Xente paseando por Pontevedra. DAVID FREIRE

"Recomendación". Esa é a palabra crave nos cambios nas medidas anticovid que entran en vigor ás 00.00 horas deste sábado en Galicia e que, principalmente, flexibiliza os encontros interpersoais, o horario da hostalería, o lecer xuvenil e os albergues. E é que o que en moitos casos era antes obrigación, agora só se aconsella, co recordatorio de que a vida social é, aínda, un importante foco de contaxios.

1. ¿Podemos facer unha quedada de vinte amigos?

Si, porque desde este sábado xa non hai límites para as agrupacións de non convivintes. Nin na vía pública, nin en domicilios. A decisión déixase ao sentidiño de cada cal. Non estaría permitido, iso si, en concellos con nivel máximo, onde se vetan as reunións. Pero, neste momento, non hai ningún nesta categoría.

2. ¿E podemos ir os vinte a comer a un restaurante?

Nese caso, non. Ou, polo menos, non na mesma mesa. Na hostalería aínda quedan límites: seis persoas por mesa en interiores e, desde este sábado, quince en terraza.

3. Se non podemos comer sete dentro do restaurante, ¿si podemos facelo na casa?

Si, porque esa restrición non rexe para os domicilios. De novo, queda a conciencia de cada un.

4. ¿Ata que hora podemos estar nun bar?

Ata a 1.00 horas. Este horario estendido xa non é exclusivo para restaurantes, taperías e bares que sirvan ceas. O resto de bares e cafeterías tamén pode gozar del sempre que conten cun medidor de dióxido de carbono. Iso si, non se admiten clientes a partir das 00.00.

5. ¿Como deben estar colocados estes medidores?

Os medidores deben colocarse nunha zona visible para os usuarios, marcando a concentración de dióxido de carbono en tempo real. No interior, este gas non debe superar as 800 partes por millón; a partir de aí hai que ventilar. Para unha medición fiel, hai que ter en conta o tamaño e a forma do local, as súas entradas de aire e o fluxo de correntes. E non se deberá situar o aparello preto de portas ou fiestras.

6. ¿Hai que facer reserva para cear no restaurante?

Non. Ao eliminarse a exclusividade do servizo de ceas como condición para alargar o horario de peche das 23.00 á 1.00, tamén se suprime a reserva ou a cita previa como requisito imprescindible para os usuarios.

7. ¿Logo podemos ir tomar algo a unha discoteca?

Non. O lecer nocturno non reabre ata o 1 de xullo.

8. ¿Pero podemos alargar a noite en casa ou na rúa?

Si. Queda desactivada a prohibición para os encontros sociais entre a 1.00 e as 6.00 horas.

9. ¿Podo aumentar as mesas operativas do bar?

Non. Os aforamentos non se tocan. En concellos en nivel-medio baixo, será do 75% da capacidade máxima na terraza e do 50% no interior, con base na licenza municipal. Nos de nivel medio, do 50 e o 30%. No alto, só operan terrazas á metade do aforamento. No máximo, só sérvese a domicilio ou para recoller.

10. ¿E as camas dun albergue de peregrinos?

Tampouco. O aforamento segue ao 30%. Aínda que se varios peregrinos forman un grupo burbulla —o que deben xustificar asinando unha declaración responsable— non terán restricións para compartir habitación.

11. ¿Cantos nenos poden participar en actividades de tempo libre?

Ata 125 en espazos exteriores e 50 en interiores, sen contar aos monitores, se se garanten as distancias. Poden formar grupos burbulla de dez menores. Pero nos centros de lecer infantís non varían os aforamentos: 50% no interior no nivel medio- baixo, 30% no medio e, no alto e máximo, só en exteriores ao 30%. Aquí, os grupos serán de ata quince fose e de seis dentro, sen interacción entre eles.

12. ¿Cando haberá novos cambios nestas medidas?

Oficialmente, as medidas da nova orde terán efecto desde a medianoite deste sábado "ata as 00.00 horas do 26 de xuño". Pero iso non quita que poidan verse modificadas pola evolución da pandemia e, sobre todo, pola "nova regulación integral" da normativa para "todas as actividades" afectadas as medidas anticovid, na que, avanzou o mércores Feijóo, Xunta e comité clínico traballarán coa idea de que poida entrar en vigor o día 19 ou o sábado seguinte, día 26.

Comentarios