Adega advirte dunha "bomba pandémica" se a Xunta non pecha as granxas de visón

En países como Holanda e Dinamarca chegaron a darse casos de transmisións destes animais a humanos
Visones en una jaula. EFE
photo_camera Visóns nunha gaiola. EFE

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) avisou este venres de que a comunidade se expón a unha "bomba pandémica" se a Xunta non pecha xa as granxas de visón, tras o brote de coronavirus detectado nunha instalación da Baña (A Coruña), o segundo coñecido nunha granxa peletera en España despois do que se detectou en xullo en Teruel. 

Nun comunicado, a organización ecoloxista recorda que xa advertiu o pasado novembro de que Galicia tiña "maior risco" de dispersión do covid a través destas granxas porque concentra o 80 % das que hai en España, sostivo. "Quedan evidentes os graves riscos para o ambiente e a saúde pública destas instalacións, polo que Adega reclama o peche inmediato de todas", engade. 

Cita outros casos en países europeos como Holanda e Dinamarca onde incluso se chegaron a documentar transmisións de visóns a humanos en granxas, e a aparición de novas cepas do virus para as que as actuais vacinas poderían non ser efectivas, o que converte a estas instalacións nunha bomba pandémica en potencia". 

Adega culpa á Xunta de ser remisa a limitar a expansión destas granxas de visón e facer de Galicia "un paraíso para este negocio". 

Segundo os seus datos, ata novembro de 2020 das 26 granxas de visón galegas só se fixeron controis en 4 (todos negativos), a pesar de que desde xullo os casos de covid en visóns se "dispararon" por toda Europa. "A única solución eficaz é o peche preventivo de todas as granxas por alto risco sanitario", zanxa Adega.

Comentarios