Adxudicadas as obras de ampliación da ponte de Rande e a AP-9 en Santiago

As obras para ampliar a autoestrada AP-9 ao seu paso pola cidade de Santiago e a ponte de Rande, en Vigo, foron adxudicadas hoxe ao Grupo Pontes (70%) e á empresa F. Gómez e Cía (30%); e ás empresas Dragados (65%) e Pontes de Infraestruturas (35%), respectivamente.

As obras comezarán "de forma inminente" a partir da firma do compromiso que podería intervir en xaneiro próximo, e durarán 23 meses na ampliación da ponte de Rande e 21 meses no tramo da AP-9 ao seu paso por Santiago de Compostela, indicaron a Efe fontes vinculadas ás firmas adxudicatarias.

As ofertas gañadoras foron as que obtiveron unha maior puntuación conxunta en termos técnicos e económicos e as que ofertaron un menor prazo de execución.

Segundo un comunicado das construtoras o investimento en ambas as obras, incluídas as expropiacións, roldará os trescentos millóns de euros e permitirá a creación dun milleiro de postos de traballo, directos e indirectos, e unha inxección de dinamización no sector da construción.

A firma Itínere, sociedade propietaria de Audasa, a concesionaria da AP-9, foi a encargada de valorar e adxudicar as obras nas dúas infraestruturas galegas.

Comentarios