FRANCISCO CONDE

"Se Alcoa non pacta, actuaremos con toda a contundencia xurídica e administrativa"

Reforzado no seu novo cargo de vicepresidente, o monfortino libra a batalla para evitar a desaparición da única fábrica de aluminio de España man a man co Goberno central 
 
Conde. DP
photo_camera Francisco Conde, no seu despacho. AGN

Dende o futuro da concesión do porto de San Cibrao, ata a xestión ambiental e os incentivos que Alcoa podería recibir mentres siga operando a división de alúmina, a Xunta e o Executivo de Sánchez analizan todos os termos da relación coa empresa. A fin é "vencer a cerrazón" da multinacional estadounidense para que venda a planta de aluminio e "respalde o mantemento do emprego". Con 534 postos directos en xogo máis os indirectos, Francisco Conde confía en que se impoña «o sentido común» sen chegar á intervención.

A ministra de Traballo confirmou que a expropiación está sobre a mesa. É xa a única opción?

Loxicamente, temos que avaliar todas as opcións, empezando pola posibilidade de que Alcoa poida reflexionar e se abra a un posible acordo. A partir de aí, tanto dende o punto de vista administrativo como xudicial, estudamos todas as vías dende a Xunta e o Goberno de España para encontrar unha solución. Queremos conseguir dous obxectivos: que non se paren as cubas e manter a actividade. É unha meta que compartimos Xunta, Goberno e traballadores. Están todas as portas abertas. Entendo que a ministra de Traballo, que estivo ausente durante todas estas semanas, sorprendeu con esa posición. Pero, estamos a tempo de reverter a situación, pois temos aínda unha oportunidade de que Alcoa volva á posición que tiñamos o domingo pasado e que se poida chegar a unha solución no acordo. Se non fose así, é certo que Goberno e Xunta avaliamos todas as opcións para manter a actividade e defender os postos de traballo.

Entón, non descarta que a compañía se aveña a vender a Liberty House ou á Sepi?

É unha opción. Creo que Alcoa é consciente de que as súas decisións terán consecuencias. En primeiro termo, ten que avaliar onde quere posicionarse ante o Goberno de España e a Administración autonómica. Non desbotamos ningunha opción. Se é no contexto do acordo sería unha boa nova, pero se non é así, loxicamente, a resposta será contundente dende o punto de vista administrativo e xurídico.

"O Goberno de España e a Xunta traballamos para responder a este obxectivo e entendemos que todos gañariamos se Alcoa se adhire a ese acordo"

Para o Estado sería máis gravoso afrontar a expropiación que a adquisición a través da Sepi?

Nestes momentos, avalíanse diferentes opcións dende o punto de vista das aportacións que desenvolvería Alcoa. Por iso, o contexto de acordo en condicións razoables que se estaba negociando por parte da Sepi parece ser o camiño máis axeitado para que todos consigan o seu obxectivo. Alcoa non quere operar a planta e temos un operador, que é Liberty, que está disposto a facer os investimentos para desenvolver un plan industrial que lle dea viabilidade. E, por suposto, os traballadores queren manter os seus empregos. O Goberno de España e a Xunta traballamos para responder a este obxectivo e entendemos que todos gañariamos se Alcoa se adhire a ese acordo. É o camiño que tiñamos trazado e que, lamentablemente, o domingo Alcoa desbotou unilateralmente. Iso demostra a mala fe durante todo o proceso e a Autoridade Laboral trasladou as advertencias que considerou axeitadas. Esperemos que non haxa que chegar a algún tipo de proceso xudicial.

20191017_conde_07Pero, de ter que recorrer á expropiación, afectaría só á división de aluminio ou tamén á de alúmina?

Sempre estamos a falar da planta de aluminio. A de alúmina, en principio, non forma parte do contexto do acordo. Si é certo que para calquera comprador que queira adquirir a división de aluminio íntegra, a de alúmina é un elemento de competitividade, ben a través da garantía do contrato de suministro ou cun dereito de opción de compra que parecese razoable. Falamos dun proxecto a longo prazo e, polo tanto, de garantir a competitividade tanto da planta de aluminio como da de alúmina. Estamos falando de 900 postos directos entre as dúas factorías.

A quen lle tocaría asumir os investimentos necesarios para que a planta puidera seguir operando no contexto dunha expropiación?

En calquera contexto de solución, os investimentos correspóndenlle ao comprador. Liberty House ten presentado un plan industrial no eido enerxético e sería acompañado tanto polo Goberno de España como pola Xunta. Nós temos comprometidos préstamos participativos. Tamén me consta que hai contactos co Goberno a través do Ico e do propio ministerio. O razoable é darlle paso a un investidor e responder ao interese xeral. É o que lle trasladamos a Alcoa: que dea unha resposta aos traballadores da Mariña, a Galicia e a España, porque nestes anos tivo o compromiso por parte de todas as partes. Imos seguir analizando todas as vías entre o Goberno de España e a Xunta tanto dende o punto de vista xurídico como administrativo e laboral. Alcoa sabe que nos tres eidos, nun contexto de acordo, pode contar coa colaboración de todas as administracións. Pero, en caso de desacordo terá en fronte as dúas administracións.

GFC Alliance [o dono de Liberty] vén de anunciar un acordo con Ignis para desenvolver 1,2 xigavatios en renovables, entre eles 400 MW eólicos en Galicia para abaratar o suministro eléctrico á planta de Cervo. Ese investimento é unha oportunidade para Galicia?

Esa é a clave, a posibilidade de que os investimentos a través da aposta polas renovables permitan que o proxecto sexa viable, competitivo e teña futuro. É o compromiso de Liberty House: reducir o prezo eléctrico para permitir esa viabilidade. É unha mostra máis de que temos un comprador disposto a desenvolver ese plan industrial.

"Se Alcoa decide proceder ao despedimento colectivo, haberá unha reacción inmediata" 

Con isto dase carpetazo ao problema dos custos enerxéticos ou, aínda así, é necesario que o Goberno aclare o panorama da tarifa eléctrica?

Á marxe da situación de Alcoa, España precisa decisións no eido enerxético que permitan que as industrias electrointensivas teñan unha resposta en termos de competitividade cun prezo homologable a nivel europeo. En España, o custo do megavatio por hora é de 48 euros. En Francia, está a 23, e en Alemaña, a 20. España precisa corrixir esa situación. Necesitamos que o prezo eléctrico final sexa equiparable ao dos nosos competidores. Alcoa en San Cibrao non é unha excepción, pois temos a situación de Alu Ibérica, Celsa e CeeDumbría [Xeal]. Precisamos un marco enerxético coa aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo, o desenvolvemento das axudas do CO2 e tamén outro tipo de medidas como bonificacións das peaxes de transporte.

Feijóo avisou de que Alcoa rematará nos tribunais se apaga as cubas da electrólise. Aludía á potestade da Xunta de tumbar un posible Ere?

Ese é o primeiro paso. Se Alcoa decide proceder ao despedimento colectivo, haberá unha reacción inmediata non só cunha impugnación desa decisión, senón solicitando medidas cautelares para que non se paren as cubas. Esa é unha primeira reacción que terá continuidade con outro tipo de actuacións xudiciais e administrativas. Esa primeira reacción, que xa anticiparon os sindicatos, será apoiada pola Xunta.

Contémplase condicionar dalgún xeito a concesión do porto de San Cibrao ou incluso a xestión da balsa de lodos do complexo?

Avaliamos todas as opcións. Loxicamente, temos que ter en conta o conxunto da posición que ten Alcoa en San Cibrao. Polo tanto, hai unha serie de concesións públicas que serán avaliadas, ao igual que unha serie de cuestións no eido administrativo e ambiental. Non desbotaremos ningún contexto para garantir que a actividade permaneza.

Hai algunha vía para reclamar a devolución de axudas que Alcoa recibiu nos últimos anos?

Todo está aberto a unha revisión. Dende o Estado e dende a Xunta imos garantir o cumprimento estrito da normativa tanto no que toca ás diferentes axudas que se poidan recibir por parte de Alcoa, como poden ser os mecanismos do CO2, como no que concirne ás diferentes actuacións dende a Xunta. Avaliaremos a posición actual e de cara ao futuro que ten Alcoa tanto na planta de aluminio como na de alúmina. A resposta será proporcional á decisión que poida tomar. Nun contexto de acordo, será todo máis sinxelo. Nun contexto de conflito, actuaremos dende a legalidade e dentro do estado de dereito, pero con toda a contundencia xurídica e administrativa.

O plan do Grupo Riesgo para producir aluminio verde na Coruña ten o respaldo dun proxecto industrial serio ou as sospeitas do comité de empresa teñen fundamento?

Tanto Parter como Alcoa teñen que aclarar os termos nos que se produciu a venda de Alcoa a Alu Ibérica. Hai moitas sombras nesa operación. A Inspección de Traballo ten acreditada a subactividade que se está producindo na planta e, polo tanto, parece un dato obxectivo que non se está dando resposta aos compromisos asumidos por Alcoa, Parter e o Grupo Riesgo. Dende a Xunta, imos seguir traballando para que se asuman responsabilidades non só polo Grupo Riesgo, senón tamén por Alcoa e Parter. Hai un compromiso claro de garantir a actividade cunha serie de investimentos que hai que acreditar.

"A prioridade é evitar que a pandemia sanitaria se converta en económica"

A piques de cumprir oito anos na primeira liña económica do Goberno galego, Francisco Conde converteuse nunha peza clave do equipo de Alberto Núñez Feijóo, que resolveu premiar a valía como xestor do seu asesor e amigo ascendéndoo ao cargo de vicepresidente segundo. Traballador, cauto e de marcado perfil técnico, no inicio do seu terceiro mandato, este exprofesor da Universidade CEU San Pablo insiste en que agora toca saír da crise cunha economía máis dixitalizada e sostible e desbota falar de posibles aspiracións políticas.

O seu reforzo como vicepresidente responde a que o panorama que se nos presenta na industria e no terreo empresarial é negro?

Eu faría unha lectura en positivo. O que temos por diante son retos para situar Galicia no contexto dunha economía máis dixitalizada e máis sostible. Os elementos vencellados á bioeconomía e á economía circular van marcar o futuro. Hai unha oportunidade clara de transformar o tecido económico galego e, polo tanto, neste contexto é onde é necesaria a cohesión e o traballo conxunto dos diferentes departamentos da Xunta para dar esa resposta. Nese marco é onde hai que situar esas oportunidades de futuro, que virán acompañadas de diferentes proxectos que estamos preparando para presentar aos fondos que está impulsando a Unión Europea. Polo tanto, o Plan de transformación e de reactivación económica que tiñamos aprobado antes das eleccións, con esa mobilización de 3.000 millóns de euros, temos que actualizalo e impulsar unha serie de medidas que se orienten a esa transformación económica de Galicia. Nese contexto é onde hai que situar ese traballo de coordinación e actuación conxunta entre os diferentes departamentos e consellerías económicas ligadas aos sectores produtivos.

Podemos confiar en volver máis pronto que tarde á senda de crecemento na que estabamos instalados antes da crise sanitaria?

Esa situación vai depender, en primeiro lugar, de controlar a pandemia sanitaria e de manter os niveis de actividade. Galicia está tendo un bo comportamento. A reacción dende o punto de vista económico está sendo mellor cá media española. Este venres coñeciamos os datos do paro, e a situación que temos nos últimos meses é dun comportamento mellor con respecto á media de España. O mesmo está ocorrendo coas exportacións, pois estamos incrementándoas. Isto esténdese ao producto interior bruto, dado que se está rexistrando unha caída no contexto galego catro puntos inferior á que se está producindo en España. Hai unha realidade, que é a fortaleza do tecido produtivo galego, que está dando unha resposta mellor que a media do Estado. Con esas iniciativas que imos desenvolver no Plan de reactivación e transformación económica de Galicia traballaremos para aproveitar as oportunidades que nos trae o novo contexto económico. Temos que traballar no diálogo social cos axentes económicos e sociais, cos grupos parlamentarios e, sobre todo, coas propias empresas, que son as que crean emprego. Temos que sumar entre todas as administracións con iniciativas público-privadas.

Vese asumindo maiores responsabilidades políticas nun horizonte próximo?

Non. Estamos centrados en facerlle fronte a esta pandemia sanitaria, en evitar que se converta nunha pandemia económica e, sobre todo, nese obxectivo de aproveitar as oportunidades para transformar economicamente a comunidade. Nese contexto de xestión é onde estamos situando o traballo da Xunta de Galicia. Creo que ese escenario ten a máxima prioridade para todos os membros do Goberno.

Comentarios