O ano pecha con 9.500 afiliados máis e 10.000 parados menos en Galicia

O paro baixou un 6,79% en Galicia en comparación aos doce meses anteriores
Oficina de emprego. AGN
photo_camera Oficina de emprego. AGN

O mercado laboral en Galicia terminou 2022 con 9.479 afiliados máis que un ano antes, o que leva o número de ocupados a 1.042.263 persoas; mentres que o paro baixou en apenas 10.362 persoas, un 6,79 %, respecto dos doce meses anteriores, ata 142.222 desempregados.

De acordo cos datos facilitados este martes polo Ministerio de Traballo, en decembro o paro ha descendido en Galicia en apenas 536 persoas, un 0,38 %, unha baixada rexistrada basicamente no sector servizos polos empregos temporais do período do Nadal (955 persoas). Con todo, o paro aumentou en decembro na agricultura (44 persoas), a industria (318) e a construción (342); mentres que caeu levemente entre quen non tiñan un emprego con anterioridade (285).

Por provincias, o paro caeu máis en 2022 en Pontevedra, un 8,21 %, por encima da media galega, do 6,79 %; pero por baixo da media de España, que se situou no 8,64 %.

O mes de decembro foi frouxo tamén no conxunto do país, onde o paro caeu en 43.727 persoas, un 1,52 %; unha porcentaxe case catro veces mellor que o galego, en calquera caso, que quedou nunha baixada do 0,38 % o pasado mes. E é que en canto Seguridade Social, só en decembro a afiliación media creceu en 12.640 ocupados respecto de novembro, apenas un 0,06 % máis; unha cifra inferior ao doutros anos que apunta a unha certa retardación do mercado ao peche do exercicio.

En cambio, en Galicia a afiliación media caeu en 5.345 persoas en decembro respecto ao mes anterior, un 0,51 %. No conxunto de España, o mercado laboral sumou 471.360 afiliados máis que un ano antes levando o total de ocupados a 20,29 millóns, mentres que o paro descendeu en 268.252 persoas ata os 2,83 millóns, a cifra máis baixa desde 2007. En Galicia o paro segue afectando máis ás mulleres, con 82.374 desempregadas, un 57,9 %; mentres que os homes sen emprego na comunidade chegan ao 42 %, e son 59.848.

En canto ao número de contratos, 2022 concluíu con 20.870 menos que o ano anterior, un 28,6 %; unha porcentaxe moi similar e levemente mellor que o do conxunto do país, onde caeron algo máis de medio punto que na comunidade galega, un 29,2 %. En decembro asináronse en Galicia 52.044 contratos, dos que o 29,3 % foron indefinidos.

O ano terminou en Galicia con 84.777 persoas cobrando algún tipo de prestación, renda de inserción ou subsidio, o que supuxo un desembolso de 83 millóns de euros. O número medio de empregados en ERTE durante decembro en Galicia foi de 865

Comentarios