Anova, Podemos e EU presentan o seu acordo como "base" para crear unha candidatura

Beiras asegura que é un proxecto "inclusivo" e lanza mensaxes ao BNG e a Pablo Iglesias
Xosé Manuel Beiras, entre Breogán Riobóo y Yolanda Díaz
photo_camera Xosé Manuel Beiras, entre Breogán Riobóo y Yolanda Díaz

O documento político subscrito por Anova, Podemos-Galicia e Esquerda Unida foi presentado polos seus líderes como un documento de "base", con "vocación inclusiva", co fin de que as mareas e movementos cidadáns poidan utilizalo e que se conflúa, finalmente, nunha candidatura galega propia.

A presentación deste documento, o primeiro deste tipo de Podemos no conxunto do Estado e xa coa data das eleccións xerais coñecida, tivo lugar na compostelá Praza de Mazarelos, un espazo simbólico para a confluencia das formacións que se definen como "rupturistas". Estivo apoiado, coa súa presenza, polos gobernos de Ferrol e Santiago, con ambos os alcaldes, e da Coruña, con dous das súas concelleiras. Tamén acudiu Marilar Aleixandre, membro da coordinadora de Encontro Cidadán por unha Marea Galega.

Na súa alocución, o portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, proclamou que se trata dun documento "inclusivo, aberto, un paso". "Non é nin o final nin sequera é a consagración do polo primordial da dinámica na que está incursa a sociedade", subliñou o veterano político, que fixo un "exhorto" a "ler o documento" antes de verter opinións, en alusión ao BNG, ao que lanzou outras mensaxes veladas.

"Este acordo non é para nós, é para vós. Con todo o agarimo volo deixamos, é a cidadanía a que ten que construír, destruír, quitar, poñer, emendar e coser se fai falla", apelara, previamente, Yolanda Díaz, a coordinadora de Esquerda Unida.

Pola súa banda, o secretario xeral de Podemos Galicia, Breogán Riobóo, proclamou que este acordo nace con "vontade de xenerosidade e desexo de confluencia". Xa en declaracións aos medios posteriores ao acto, e preguntado polas palabras de Beiras nas que advertía á formación liderada por Pablo Iglesias que esixir pór a súa "marca" podería entorpecer o proxecto de confluencia, Riobóo sinalou que "cando hai vontade e intención de chegar a acordos, o demais non vai ter problema, seguramente".

Comentarios