Anulan unha condena ao Concello de Melón porque un concelleiro usou detectives

Uns informes privados aseguraban que David P. non acudira aos labores de "roza e vixilancia na prevención de incendios"

O Tribunal Supremo non aceptou como proba do incumprimento dunha sanción imposta polo Concello de Melón os documentos achegados por uns detectives privados a quen un concelleiro encargou unha vixilancia. David P. foi acusado dos delitos de quebrantamento de condena e falsidade en documento público porque non acudiu aos labores de "roza e vixilancia na prevención de incendios" que o Concello de Melón, a través de quen naquel momento ocupaba a alcaldía, lle impuxera.

O incumprimento quixo ser demostrado a través de varios informes entregados por unha empresa de detectives privados que se usaron contra el como probas. Con todo, a Audiencia de Ourense non aceptou estes documentos e absolveu ao acusado. Agora a Sala do Penal do Supremo confirma ese fallo, porque entende que o concelleiro obtivo a información relativa ao incumprimento da pena "prescindindo das canles legalmente establecidas" e vulnerando o deber de confidencialidade ao que estaba obrigado.

Trátase dunha "proba ilícita obtida con vulneración do dereito fundamental á protección de datos ou de autodeterminación informativa". "O concelleiro encargou a uns detectives privados a investigación do cumprimento dunha pena de traballos en beneficio da comunidade, para o que revelou, á marxe de calquera canle legal, datos reservados" e con iso fixo unha "cesión inconsentida dos mesmos", di o Supremo.

O cargo de concelleiro atribúe o dereito de información sobre os asuntos concernentes ao Concello, pero co correspondente deber de confidencialidade cando a natureza da cuestión o requira, deber que neste caso o concelleiro incumpriu, conclúe o alto tribunal. "Mostra diso", apostila, "é que non consta que solicitase oficialmente información sobre o tema que nos ocupa".

Comentarios